Mentiras constitucionais

Para entender a “consagración” da Constitución Española de 1978, a que cada ano por estas datas lle colgan un novo perendengue taumatúrxico, acóllome as verbas de Otero Novas, unha das personalidades máis destacadas nese proceso e que poucas veces aparece mencionado: “Falamos Adolfo Suárez e mais eu da necesidade de dotar a Carta Magna do máximo prestixio porque a súa aureola contribuiría á súa permanencia, e, polo tanto, do sistema que lograramos”.

Para dotala dese “prestixio”, decidiron “personificala” nos membros do relatorio Constitucional do Congreso, que realizaron a primeira redacción, premiándoos e dándolles boato.

O proceso sería para esmendrellarse se non estivesen santificados por culpa de Fraga Iribarne.

Consideraron pertinente outorgarlles a Grande Cruz de Isabel A Católica. Otero Novas chamou un a un, comezando polos de máis á esquerda. Todos aceptaron. Até chegar a Fraga, que se nega. Ten unha boa razón, xa lle fora concedida. Otero Novas pregúntalle das Grandes Cruces cal non ten aínda. “Xa as teño todas”, foi a contestación de Fraga e pediulle que lle outorgaran un Grande Colar. Pero Suárez non quixo porque un Grande Colar resérvanse para aos xefes do Estado.

“Así que fixemos nacer o concepto de Pais da Constitución, persoas merecedoras de honores, aínda que foran unicamente colaboradores distinguidos con outras instancias”, afirma o daquelas ministro da Presidencia.

O seu traballo foi o de meros amanuenses, pois cando a re­dacción da Constitución ía comezar, “practicamente todos os grandes instrumentos democráticos, incluso moitos dos factores constitucionais, xa estaban pactados, establecidos e rodando”, afirma Novas.

Mesmo as preautonomías de Catalunya, Euskadi é Galiza, pois, moi ao contrario do que se ben afirmando, non é a Constitución de 1978 a que propicia estas autonomías, senón que recolle un dereito histórico gañado cando a República.

Ademais, o tan cacarexado consenso constitucional xa vén de 1976. Novas cóntao así: “Aínda que as esquerdas proclamaban enfaticamente as súas propostas de ruptura, de mellor ou peor gana, xa antes da chegada de Adolfo Suárez á presidencia, aceptaron e acabaron colaborando coa vía reformista”.

O 30 de marzo de 1977, Otero Novas entrégalle a Suárez un borrador da Constitución, pois “quen adianta o borrador a negociar, sempre entra con vantaxe”. Tamén o PCE manda o seu propio borrador e tamén chega a Moncloa un do “EEDC-PSOE”, quer dicir, redactado polos democratacristiáns de Ruiz Jiménez e o PSOE.

Todos coincidían nos aspectos fulcrais, monarquía e teito autonómico, así que as “arduas” negociacións posteriores só foron un xeito de lavar a cara e de varrer electoralmente para a casa.

 

Afonso Eiré é xornalista e colaborador habitual de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar