A campaña “Nadal+galego” chama a consumir productos coa nosa lingua

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou no Pazo de San Roque o vídeo ‘Nadal + Galego’, creado polo Foro Enrique Peinador coa colaboración da Xunta de Galicia para animar a cidadanía a consumir produtos etiquetados na nosa lingua nas próximas festas.

Valentín García incidiu na disposición do seu departamento a “apoiar aquelas empresas que apostan pola lingua galega como garantía de calidade e de proximidade dos seus produtos, convencidas de que o noso idioma vende” e animou a cidadanía a facer o mesmo aplicando o criterio de “preferir aquilo que estea etiquetado no noso idioma”. O secretario xeral mostrouse seguro de que, con esta escolla, “o consumidor non se verá defraudado, porque levará á súa mesa de Nadal o mellor produto de Galicia”.

Na presentación deste vídeo publicitario, Valentín García estivo acompañado por Xosé González Martínez, presidente do Foro Enrique Peinador e os empresarios Patricia Sánchez Lorenzo, de Leite Noso, e Lito Andión, de Hoxe Sociedade Cooperativa Galega.

Consumo en galego

O Foro Enrique Peinador, co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, inicia con este vídeo unha nova campaña publicitaria que busca difundir a súa mensaxe de galeguidade no consumo. Deste xeito, anima a todos os galegos a aproveitar estas festas para apoiaren as marcas que etiquetan os seus produtos en galego, con coherencia e autenticidade. O vídeo pode verse no Portal da Lingua Galega www.lingua.gal.

O Foro Enrique Peinador, integrado no grupo de asociacións Galeguizar Galicia, é unha institución que busca fomentar a normalización e o uso do galego no mundo da empresa e da economía, tanto no traballo e na comunicación internos, como no contido dos produtos e na súa promoción e etiquetaxe.

Plan de dinamización no tecido económico

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, promove ou colabora en diversas iniciativas que, coma esta campaña de Nadal, incentivan e visibilizan o uso do galego no tecido empresarial. As súas accións neste eido enmárcanse no Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2016-2020, que lles dá coherencia e intensifica, deste xeito, a súa eficacia.

Os obxectivos desta iniciativa, emanado do Plan xeral de dinamización da lingua galega, son crear consciencia de que o uso do galego favorece os resultados e obxectivos empresariais e as relación laborais, comerciais e bancarias; estender o uso da lingua galega no ámbito económico, tanto na oferta coma na demanda de produtos e servizos, e mais utilizar o idioma para impulsar unha imaxe de marca diferencial propia de Galicia e os seus produtos vinculada á calidade e á innovación e que lles transmita confianza ás persoas consumidoras e ao empresariado.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar