Nena esvaecida por un escape de gas na casa

 

Unha menor sufriu un esvaecemento como consecuencia dun escape de gas rexistrado nun domicilio en Pontevedra. Tras recibir a chamada dun particular, os xestores do 112 Galicia puxéronse en contacto cos Bombeiros de Pontevedra, que, mediante as medicións correspondentes, constataron a presenza de monóxido de carbono en diversas estancias da casa, isto é, cociña, baño e un cuarto. Segundo os efectivos do Servizo de Extinción e Salvamento, a fuga de gas puido deberse ao mal funcionamento da caldeira.

Pola súa banda, o persoal sanitario trasladou á pequena ata o Hospital Provincial da cidade pontevedresa para ser atendida. No domicilio tamén se atopa a nai da cativa, pero só ela tivo que ser evacuada ao centro hospitalario. Ademais dos bombeiros e persoal sanitario, os xestores do 112 Galicia informaron aos axentes da Policía local e ao servizo de avarías da compañía subministradora do gas.

O suceso rexistrouse na Rúa Luis Otero de Pontevedra.

 

OUTRA FUGA

Tamén en Ponteareas tivo que ser atendida unha persoa que resultou afectada a causa dunha fuga provocada pola mala combustión dunha estufa de pellets. A persoa que sufriu a intoxicación foi trasladada polos profesionais sanitarios ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Ata o lugar desprazáronse os Bombeiros de Ponteareas, que realizaron as medicións correspondentes para comprobar a presenza de monóxido de carbono no interior dun local comercial situado na Avenida Castelao.

O 112 Galicia tivo constancia do suceso ás 16:30 horas de hoxe a través dun aviso de Urxencias Médicas. A partir dese momento, activou un operativo no que participaron, ademais os axentes da Policía Local e o Grupo de Emerxencia Municipal.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar