“De mar a mar”: O Camiño de Santiago en grandes fotos

O Camiño de Santiago preséntase desde en 3D na nova exposición impulsada por Turismo de Galicia. Baixo o título De mar a mar, a mostra abriu as súas portas na lonxa de Fisterra. Nava Castro, directora de Turismo do Goberno autonómico, inaugurou esta recompilación de fotografías de gran formato que percorrerá o Camiño de Fisterra-Muxía, o Camiño Inglés, o Camiño Portugués e o Camiño Portugués da Costa. Como lembrou, trátase dos catro itinerarios xacobeos aos que o Plan director do Camiño de Santiago dedica os seus principais investimentos en 2017 e 2018.

As instantáneas, realizadas coa técnica estereográfica, retratan o patrimonio, as paisaxes e aos propios peregrinos destas catro rutas, polas que pasará a exposición ao longo do próximo ano. Ata o próximo 22 de decembro poderá contemplarse na Costa da Morte antes de viaxar ata A Coruña e continuar a súa itinerancia pola provincia de Pontevedra.

“Esta nova exposición que promovemos desde Turismo de Galicia forma parte do noso compromiso permanente coa divulgación e promoción do Camiño de Santiago en todas as súas vertentes”, declarou Nava Castro. Como sinalou, este traballo está a repercutir nunha crecente diversificación de fluxos. De feito, no último ano estes catro itinerarios medraron en conxunto máis dun 25% e suman xa 78.000 dos preto de 300.000 peregrinos recibidos.

Precisamente a directora fixo referencia a esta simbólica cifra, á que chegará o Camiño de Santiago nos próximos días. Cun aumento do 8,6% respecto ao pasado ano, a ruta xacobea superará este 2017 por primeira vez na súa historia este rexistro. Por iso, manifestou, “co fin de coidar desta riqueza cultural que supón unha oportunidade de desenvolvemento social e económico”, desde hai dous anos a Xunta de Galicia traballa co Plan director do Camiño de Santiago, do que se ten xa executado máis da metade das súas medidas previstas.

Coa vista posta no Xacobeo 2021, o plan conta con 56 millóns de euros en investimentos, parte dos cales están a repercutir no Camiño Inglés o no Camiño de Fisterra-Muxía. Durante este ano, impúlsanse en ambos tarefas de recuperación e sinalización dos trazados oficiais, melloras nos albergues en eidos como a accesibilidade, novas infraestruturas ou programas de dinamización cultural e sensibilización para as poboacións locais como Vive o Camiño. Estas mesmas accións terán como destinatarios en 2018 o Camiño Portugués e o Portugués da Costa, despois de ter sido aplicadas en 2016 no Camiño Primitivo e no Camiño do Norte.

Turismo á alza na Costa da Morte

Nava Castro aproveitou esta inauguración para felicitar o sector turístico da Costa da Morte polos bos rexistros acadados este ano. A falta de poder computar os dous últimos meses, medrou o número de viaxeiros ata rozar xa os 131.000. A directora de Turismo salientou, especialmente, o incremento do 16% no número de pernoitas, ata superar as 262.000.

“Os viaxeiros fican máis tempo na Costa da Morte. Isto quere dicir que atopan motivos para durmir máis días”, celebrou a directora de Turismo. Neste sentido, resaltou que a estadía subiu un 15% nos dez primeiros meses e a ocupación medrou en 8,4 puntos porcentuais.

Agora, a exposición De mar a mar. O Camiño de Santiago en 3D engádese á ampla oferta e recursos da Costa da Morte en decembro. En concreto, poderá verse na lonxa de Fisterra (rúa Fonte Vella, 11) ata o día 22, de luns a venres en horario de 16,30 a 19,00 horas.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar