O PP de Teo valora como “desidia” do Concello o último roubo nos Tilos

 Preguntado o alcalde de Teo en pleno municipal polo recente roubo producido nos Tilos, co que podería estar presuntamente relacionado un home de orixe albanokosovar detido o pasado xoves polo corpo de seguridade local, Rafael Sisto manifestou pleno descoñecemento sobre o suceso, unha actitude que pon de relevo “o pasotismo” do executivo local ante os problemas de seguridade, sendo o concelleiro Moñino, do PSOE, quen deu conta do suceso, facilitando informacións que el mesmo cualificou de “extraoficiais”.
A detención producíuse sobre as 20.30 horas do pasado xoves na parte baixa de Os Tilos, na rotonda de entrada á autovía da Estrada, cando a policía local realizaba tarefas ordinarias de vixilancia na urbanización e despois de que o home se dese inicialmente á fuga. Segundo informan fontes xornalísticas, a persoa detida podería estar relacionada cos últimos actos vandálicos producidos nos Tilos.
A pesares dos feitos, unha vez máis, o alcalde, por unha banda, “segue mirando cara outro lado e, pola outra, para maior estupor da veciñanza, ironiza coa labor do corpo de seguridade local que él mesmo dirixe”.
Coa queima de coches producida o pasado mes de marzo nos Tilos, a Delegación do Goberno e o Concello comprometéronse a reforzar a plantilla dos corpos e forzas de seguridade. Daquela, os primeiros activaron máis personal destinado ao posto da Garda Civil do Milladoiro; mais o Concello “anunciou dous novos postos de Policía que nunca chegaron. Os populares instan, por enésima vez, á creación dun Plan local de Seguridade ante a xordeira do executivo municipal”.
A reacción que está a manter a alcaldía “ante os graves problemas de seguridade no que levamos de lexislatura é nula e evidencia unha total falla de prevención e de preocupación pola cuestión. O bipartito segue sen reaccionar perante os problemas de seguridade no concello. Non o fixo perante un suceso tan grave como o do mes de marzo nos Tilos e segue no limbo da acción política mirando cara outro lado e limitándose a deixar todo en mans dos efectivos do Goberno central ao que tanto critica por calquera motivo”. Daquela, o voceiro popular teense laiábase de que “a única resposta que se coñecía do alcalde eran vaguidades e futuribles e, lamentablemente, o tempo deume a razón”. Mentres tanto, “os roubos seguen a producirse ao longo e ancho de Teo”, subliña José Manuel Guerra.

O ALCALDE

Para o concelleiro popular Antonio Sánchez, a reacción do máximo mandatario municipal ante a detención realizada pola policía municipal, unha vez máis, resulta inadmisible. O rexedor teense aproveitou unha nova oportunidade para ironizar sobre o traballo que realiza un corpo que él mesmo dirixe, o cal produce entre a veciñanza máximo estupor. “O corpo de seguridade local capturaba a un presunto delincuente ao tempo que Sisto se dedicaba a bailar a muiñeira youtubeira. Se o alcalde se dedicase ao que se ten que dedicar, había meses que teríamos un plan de seguridade en Teo que mesmo merecería do noso recoñecemento”, conclúe o número 2 do grupo popular.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar