Nadal no Gaiás con exposicións e espectáculos

 

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convida as familias a gozar do Nadal no Gaiás cunha programación que inclúe exposicións, campamentos e espectáculos que xiran ao redor do mundo do circo. Botará a andar o 21 de decembro coa inauguración da mostra Fantasía de Nadal e rematará o 7 de xaneiro, coincidindo coa fin das vacacións escolares por estas festas.

Este programa, xunto ao Festival de Curtas Infantís Pequefilmes, foi presentado hoxe no Culturgal, en Pontevedra, pola directora-xerente da Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez Reboredo, que salientou a “completa oferta cultural” para estas datas que supón Nadal no Gaiás, á vez que puxo en valor unha programación que “irmanda entretemento e cultura para os máis cativos da casa e tamén aposta por actividades que permiten conciliar ás familias no período non lectivo”.

Fantasía de Nadal será a encargada de abrir e pechar a programación de Nadal na Cidade da Cultura de Galicia. Esta exposición permitirá gozar nun mesmo espazo –o Museo Centro Gaiás– das escenografías máis impactantes dos circos de inverno, pertencentes a grandes espectáculos de creación propia da compañía galega La Fiesta Escénica que teñen percorrido teatros e espazos de todo o mundo.

Esta exposición divídese en tres seccións: escenografías e personaxes de contos clásicos, pezas de grandes espectáculos creados para o Nadal, e elementos circenses que amosan elementos de acrobacias e máis disciplinas do mundo do circo. Trátase dunha oportunidade única para a descuberta de preto de vestiarios, monicreques e voluminosas e fantásticas estruturas que conforman a posta en escena dos circos de inverno actuais.

O campamento do circo

Aproveitando a maxia do circo que proporciona a exposición e que se trata, ademais, dun período de vacacións escolares, Nadal no Gaiás ten programada dúas quendas semanais (do 26 ao 29 de decembro e do 2 ao 5 de xaneiro) de campamentos infantís con esta temática con aulas de trapecio, malabares, equilibrio e clown. O obxecto é que nestes datas non lectivas os cativos teñan unha oferta cultural na que divertirse e as familias unha proposta á que optar para conciliar, con actividades que van de 10 a 14 horas e 15 euros por semana escollida.

O campamento do circo non só se centrará nestas disciplinas, senón que lles permitirá aos cativos achegarse ás escenografías do circo e aos espazos máis descoñecidos da mesma Cidade da Cultura, tanto arquitectónicos como zonas verdes e naturais, da man do departamento de didáctica do Museo Centro Gaiás.

Gran gala do circo solidaria

Ademais dos campamentos, Nadal no Gaiás contará con espectáculos que incidirán no universo circense: Ludo Circus Show, o día 22 de decembro, e a Gran Gala do Circo, que se celebrará o 4 de xaneiro de 2018.

Este gran peche de festa contará cunha acción solidaria en colaboración coa Asociación de Iniciativa Social Berce. Será nesta gala onde se lle dean os premios aos gañadores do Concurso de Postais de Nadal, xa un clásico na programación da Cidade da Cultura para estas datas.

A entrada á exposición Fantasía de Nadal é de balde e as entradas para os campamentos e os espectáculos están á venda desde o luns, día 4 de decembro, tanto no Museo Centro Gaiás como a través da páxina web de www.Ataquilla.com. O programa de Nadal no Gaiás pode consultarse en www.cidadedacultura.gal, ao igual que as bases do Concurso de Postais de Nadal.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar