Moncho Borrajo abríu en Ferrol a exposición da sua obra pictórica

 

O artista Moncho Borrajo inaugurou onte a súa exposición titulada Camiños e que, patrocinada pola Fundación Santo André de Teixido, ocupará a sala Carlos III da Exposición Nacional da Construción Naval – Exponav (Ferrol) ata o 31 de xaneiro de 2018.

A mostra recolle a traxectoria de Borrajo durante cando menos medio século no mundo da pintura, unha faceta pouco coñecida dun artista que sempre acadou maior fama como humorista malia que “foi antes pintor que actor”.

En Camiños, Borrajo fai un percorrido pola súa vida artística durante máis de 50 anos no mundo da pintura. E como a vida son camiños, optou por este título para as obras que se enmarcan nesta exposición.

O artista destacou que a mostra se pode visitar “nun marco maravilloso” e que reflicte “varias épocas e varios estilos” na súa pintura. Hai cadros de grande formato, entre Meninas, traballos nos que manda a xeometría, como influencia da súa formación en arquitectura e como esencia de todos os camiños. E mesmo o Pop Art ten o seu espazo.

Moncho Borrajo comezou a expoñer a comezos dos anos 70 e tras máis dun cento de exposición, chega agora a Ferrol con Camiños. Unha boa oportunidade de coñecer a súa obra. Ademais, salientou que lle gustou traer esta mostra a Ferrol por ser “unha cidade que sufre un desmantelamento social e cultural que non merece”.

A súa obra pictórica non dá as costas ás outras facetas deste artistas. E por iso, veremos na exposición referencias á música, á poesía e ao humor. Todo, cunha grande dose de cor e sen explicacións. Porque para Moncho Borrajo, “a pintura non hai que explicala”. Evítase así o risco de que un exceso de literatura sexa un obstáculo para contemplar a esencia da obra.

A Fundación Santo André de Teixido está tras a organización desta exposición. O vicepresidente da mesma, Pedro Blanco Llano, escusou nesta inauguración a ausencia do presidente, Ramón Tudela, agradeceu a Exponav a cesión do espazo para desfrutar da mostra e salientou o bo facer de Moncho Borrajo, un “pintor case descoñecido”.

O xerente de Exponav, José María Cardona, deu a benvida aos máis de cen asistentes á inauguración e celebrou que o polifacético artista amose o seu traballo nesta sala.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar