Xosé Temprano, gaiteiro homenaxeado


A noitiña do sábado 28 de outubro sumarase ás lembranzas: fin dun día de crisantemos e sol ouridourado no que se celebra o outono, paseo polos cantóns coruñeses dalgunha máscara anunciando ese novo entroido imposto comercialmente, o Halloweem para invadir o noso tempo de Defuntos e Magostos. O asunto nesta sociedade de egos é “pásalo de morte”, botellón por medio. Outras ringleiras concorrían á Orde Terceira da Cidade Vella, seica a honrar ao San Xudas Tadeo, que gaña devotos e suplanta a moitos santiños das querenzas populares, como “santo das causas difíciles”. E outros Coruña homenaxeabamos no Teatro Colón ao gaiteiro de Monelos, Xose Temprano Castro, que non é pouca cousa.

O corazón e a forza da Terra empuxan cara ás cousas da tradición e alí imos, aínda que se oculten nos medios entre o remuíño da mercantilización. Mesmo nin quedan crónicas dese acontecer que alenta as orixes, a orixinalidade, a identidade. Homenaxe a un grande da gaita.

Pepe Temprano veu a este mundo nunha casa acomodada, tradicional e innovadora dos vellos camiños de Eirís, a dos Tempranos, con avoa materna que fixera as américas, os máis con emprego e militancia “chaconeira” na Fábrica de Tabacos. Casa con portas abertas a todos, aos rapaciños novos como Luis García Patiño, despois crego de Xestoso, que alí ían para escoitar músicas e ver os seriais “americanos” do primeiro televexo que houbo en Monelos. Xente avanzada e represaliada en días de retraso. Barrio da taberna dos Beléns, capeliña popular, onde aínda ten parada e fonda o espírito daquel Monelos retranqueiro e galeguista que ben mantivo o seu animador Cesáreo, barra e barrio na que se facía imprescindible o pintor Pepiño de Monelos, Xosé Fernández Sánchez presente en todo acto galego.

No 1923 constituíuse o cuarteto Os tempranos de Eirís: dous gaiteiros (os irmáns Xosé e Alexandro), bombo (Mourenza) e tamboril (o Betanceiro), e foi este o primeiro grupo de gaiteiros das Mariñas coruñesas que lle deu son galego a moitas festas e romarías. Pepe sigue aportando pouso á tradición dos seus, para aumentala con investigación e o estudo do folclore, apaixonado pola fotografía e pola arte. E así, gastando corpo e folgos recorreu o mundo en colectivos, como Temprano afeito aos camiños que el era: dende os seus dezaseis anos cos Coros e Danzas da Sec. Femenina, grupo nacido no 1942 e base de Eidos, legalizado no 1976, tampouco lle faltou á formación da Fábrica de Tabacos, animada polo seu director, o musicólogo e académico de Belas Artes, Adolfo Anta Seoane, precisamente creador da Medalla Marcial del Adalid, asesor de Aturuxo e moito máis. Nuns e noutro grupos ceibou as súas ansias e deixou pegada, coa gaita recorreu Europa e todas as Américas pousando esa dignidade alegante alí onde estivo; convidado a festivais nos que sempre gañou medallas e premios, embaixador das mellores tradicións galegas. Xa no 1963, a Coruña recoñeceulle méritos que irían medrando e outorgoulle a Medalla de Ouro ao Mérito da Cidade da Coruña, no Festival de Zakopane (1985) recibiu o Piolet de Ouro, como no 1992 o Premio á Autencidade na execución no Festival de Kaunas, apoucando aos concorrentes.

Pepe Temprano entrou nun Teatro Colón a rebordar de xente e de paixón, e fíxoo coma sempre, co seu bigote cano, caído, de sabio gaiteiro galego, vestido coa dignidade da tradición, cuberto coa altiva monteira mariñán, levado polas súas fillas nunha cadeira de rodas, emocionado, coas más xuntas, como murmurando unha pregaria agradecida. Todos a coro, en pe, entre aplausos, repetían, con máis forza, o agasallo de gaiteiro!, gaiteiro!, gaiteiro!… Non é para menos.

A música de gaita afía as nostalxias, as súas notas semellan debuxar no pentagrama dos montes e das ondas do océano Maior as máis orixinais esencias de Galiza. Por algo recorremos a súa música para irmandar co Mundo Celta e sentir que somos Nós, en plural e maxestático. Sons compañeiros inseparables do tamboril, do bombo e do pandeiro e despois, cadaquén daralle a súa creatividade. Música que pide Terra e Tempo maiúsculo, que se quere ceibe, a ceo aberto, para furar entre as ondas dos montes, do mar, entre as penedas, as árbores ou os ríos… Música que non se quere encadeada, dentro de salóns, de pavillóns… entón rebélase e rebenta os tímpanos. Tampouco é música para todas horas, máis ben para subliñar as alboradas limpas, entre nubes ou brétemas polas que asoma o astro rei, propia para o medio día, como ángelus galaico, e mesmo para o luscofusco, anunciando a solemnidade do solpor. Sons de gaita engrandecidos nas noites de lúa chea, así como nas derradeiras despedidas, cando máis asoman as lembranzas, algo a celebrar no país que dicían do Río do Esquecemento.

Os bos gaiteiros, cedo ou serodiamente, serán homenaxeados. Repoludos gaiteiros, Magos Merlín, cubertos de monteira, coroa da terra, chaleco bordado, frecos esfelechados ao vento? representan a terra posta en pe. E así foron o Penalba, o Ventosela, o Rilo, os Soutelo, os Seivane, o Corral… déronlle nome a lugares, bardos de solemnes castros.

Aguilloados pola forza do Espírito (Santo) da Terra acudimos ao Teatro Colón a homenaxear a un gaiteiro de cerna: apagáronse as luces e pasouse pola pantalla imaxes dunha vida, moitas delas desoutro monelán que é Xurxo Lobato, recollendo as esencias da Casa dos Tempranos, do vello municipio de Oza, con Monelos, as Xubias Elviña, os Castros, a Gaiteira (quizais topónimo de pena agaioteira), paraxes onde campa a gaita e a solidariedade. Pepe Temprano recorreu o mundo, reclamado polas colectividades galegas na emigración, para avivar sentimentos de ser e alí onde concorrían representantes de pobos gaiteiros, para ser gasallado como o mellor entre os mellores

De seguida Xurxo Souto, bravú desoutra estremeira da Coruña que é o Monte Alto, coa seu habelencioso saber sobre os escenarios guiou o acto e deulle paso aos representantes dos colectivos organizadores: sentidas palabras do presidente da Asociación Galega de Gaiteiros, o chairego Xoán Manuel Tubio Fernández; o grupo Orballo ofreceu unha danza de ofrenda do pan, entre galáns e galanas, coas súas reverencias… Nesa mesma liña actuaron os mozos e mozas de Eidos, as máns erguidas, Terra e Ceo, raiceiras e esperanzas cosidas coa gaita.

Xurxo Souto deulle paso ao escenario aos representantes dos colectivos que agasallaron ao gaiteiro maior de Monelos, da Asociación Folklórica Orballo, da Asociación Cultural de Coros e danzas Eidos, da Deputación da Coruña, da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda. Unha das fillas, en nome da Casa dos Temprano deixou ben claro que Pepe estaba agradecido de ser gaiteiro galego, un ” bo e xeneroso” dos que canta o noso Himno. Un grupo de alumnos e alumnas mozas , da escola dos ” Tempranos” demostraron sobre o escenario o enxebre e as posibilidades da gaita ás que é leal o mestre.

Para rematar o acto o arquitecto García Braña da Academia Galega de Belas Artes, en nome desta centenaria institución, impúxolle a Medalla de Prata Marcial del Adalid… e máis intensos aplausos, todos en pe, para rematar co Himno Galego: claro quedou que onde se fale da gaita e de Galiza o nome dos Tempranos será como un fito entre o Ceo e a Terra.


© 2011 Galega de Comunicación e Información, S.L.U. - Aviso legal - Contacto