Unha multinacional estadouniense busca talento entre os alumnos do Centro Superior de Hostelería

O prestixio e bo resultado dos mozos formados no Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) esperta interese de cadeas internacionais como Marriott, multinacional que conta con 4.100 hoteis en 60 países a través de 16 marcas, como The Ritz-Carlton, St. Regis, The Luxury Collection, W o Bulgari.

A responsable do seu Programa Internacional de Prácticas, Jessica Rey Dubra, visitou esta semana, por terceiro ano consecutivo, o CHSG, escola adscrita a Turismo de Galicia, para entrevistarse con máis de 30 alumnos, entre quen busca talento para ter unha experiencia laboral na súa multinacional. De feito, todos os estudantes de último ano da especialidade de dirección hoteleira que fixeron prácticas con Marriott en Estados Unidos aínda continúan alí na actualidade, en moitos casos con grandes opcións de poder incorporarse á compañía.

Esta formación práctica supón unha parte esencial do plan de estudos do CHSG. Ao mesmo tempo, ofrece a posibilidade de coñecer en profundidade un país diferente, cunha longa estadía nel, mentres se adquire unha experiencia que completa a formación teórica. “Si son un dos mellores, quedaranse na compañía”, explicou Rey Dubra durante o seu encontro.

Os máis de 300 alumnos do CSHG fan prácticas todos os anos en xestión hoteleira ou en xestión de cociña en hoteis e restaurantes de prestixio internacional. Diferentes cadeas hoteleiras visitarán tamén o centro nos meses de febreiro, marzo e abril do próximo ano en busca de máis talentos entre uns alumnos que reciben unha formación próxima á realidade.

21 promocións cunha inserción do 95%

O CSHG conta xa con 21 promocións no mercado e unha inserción laboral do 95%. Os seus preto de 2.000 alumnos traballan en empresas de todo o mundo. Precisamente esta semana visitaron o centro membros da primeira promoción, que puideron compartir a súa experiencia cos actuais estudantes, que tamén participan en certames internacionais de notoriedade.

Este ano, acadouse un acordo coa Universidade de Brighton para a oficialización do título de Diploma Superior de Xestión Hoteleira no marco formativo europeo. Así, os alumnos que cursan actualmente cuarto poderán incorporarse a un programa desta universidade e obter unha dobre titulación CSHG-Brighton. Este programa suporá unha estancia de 6 meses. Co obxectivo de facilitalo, Turismo de Galicia ten previsto convocar unha resolución de axudas.

Formación permanente do sector

Desde o Centro Superior de Hostelería de Galicia, ademais, mantense contacto permanente co sector, pois se realizan xornadas técnicas sobre cuestións de interese e actualidade. Así mesmo, a súa Escola Itinerante de Formación capacita a pequenos establecementos de restauración nas zonas identificadas cun forte potencial e un menor desenvolvemento.


© 2011 Galega de Comunicación e Información, S.L.U. - Aviso legal - Contacto