Ourense:
A bicicleta como mobilidade sostible

O Concello de Ourense organiza, hoxe ás 19:00 horas no centro Cultural Marcos Valcárcel, a charla A bicicleta como mobilidade sostible na cidade de Ourense, a cargo de Nacho Tomás, secretario técnico da Rede de Cidades pola Bicicleta, da que Ourense é membro. O concelleiro de Medio Ambiente, Infraestruturas e Transporte, José Araújo, será o encargado de presentar o acto, que considera “especialmente interesante no marco do proceso de participación cidadá que estamos a desenvolver co Móvete por Ourense para a mellora da calidade ambiental, a mobilidade, a pacificación do tráfico e a integración da bici no casco urbano”, comenta.

A Rede de Cidades pola Bicicleta quere presentar unha aproximación ás problemáticas previas noutras cidades de como integrar o uso da bici nunha cidade, na que actualmente son moi poucos os usuarios que a utilizan como medio de transporte habitual. De aí a importancia de coñecer diferentes exemplos noutras cidades españolas, medidas de fomento do uso da bicicleta, e vantaxes e inconvenientes das diferentes solucións, como son o carril bici, as ciclovías, plataforma única, etc.

Outra cuestión que se quere debater durante a charla é a configuración xeográfica da nosa cidade, con varias barreiras que a dividen: río Miño, Loña, e Barbaña. Tamén transcende a orografía na vertente Leste-Oeste, cun importante desnivel que complica a comunicación en bicicleta entre eses puntos cardinais.

Para Nacho Tomás, relator do martes, o obxectivo da Rede é o de “converter a bicicleta nun modo de transporte prioritario en cidades 100% ciclables, é dicir, que se poida chegar en bicicleta a calquera parte da Cidade en mellores condicións que nas que se pode chegar en coche ou en motocicleta ou, como mínimo, nas mesmas”, afirma.

(*) Nacho Tomás: Licenciado en Administración de Empresas, secretario técnico da Rede de Cidades pola Bicicleta desde Outubro de 2014. Tamén é director de N7, axencia de comunicación e márqueting online e profesor en varias universidades e escolas de negocios por todo o país.


© 2011 Galega de Comunicación e Información, S.L.U. - Aviso legal - Contacto