…E pariron os montes


Sobresaínte, presidente Feixó, o seu exercicio de retórica parlamentaria desta semana falando dos incendios. Pero croco. Non agardaba que vostede argumentase que estaba disposto a aplicar todos e cada un dos anunciados no seu discurso do 2006, cando as súas verbas incendiarias asolaron ao Bipartito. Claro que non. Enroscouse no seu discurso de “terrorismo incendiario” que, daquelas, vituperaba. E propuxo crear u­nha nova “comisión”, obviando que o mesmo Parlamento xa a creara no ano 1986 e que chegaran a conclusións claras e precisas. Que tentaron polas en marcha logo do 2006 e que, cando vostede accedeu ao Goberno, aplicouse con teimosía a desandar o andado. E non aplica as recomendacións dos expertos por unha razón moi de peso: son contrarias as políticas do PP. Sono por ideoloxía e, como ben din en moitas ocasións, “os cidadáns votaron o noso programa político e imos aplicalo con todas as consecuencias”. Aí as teñen!

E porque, se cadra, non é so que non queiran mudar a súa política, senón que tampouco poden. Non esquezamos que os partidos se crean e perviven para a defensa duns determinados intereses. E non estou a falar dos do señor Fernández Couto, precisamente. A miña experiencia de máis de 30 anos como cronista parlamentario móstrame que calquera proposta de comisión, emanada desde o Goberno, está destinada a i­nanición e a desviar a atención dos asuntos principais.

Como as 30 medidas que propuxo, que son outro brindes ao electorado. Dezaseis delas xa están vixentes. Só hai que aplicalas. Doce chegan tarde (xa non existe case poboación agrícola) e as dúas últimas son novas, pero unha non serve para nada e a outra é disparatada.

Que o número 085 non só sexa para avisar só dos incendios, senón tamén dos incendiarios… Será por números telefónicos!

Poñer cámaras? Pensa que se poden vixiar os dous millóns de hectáreas de monte? Mellor pór en órbita un satélite. Queda máis bonito o titular.

Fálolle agora como aldeán. Tampouco estou de acordo en que a solución sexa limpar o monte con brigadas. O que precisamos é que haxa menos monte, menos superficie forestal e que non teñamos que limpalo a man tenta, senón que estea limpo porque forme parte directa das explotacións agrarias, gandeiras e os seus derivados. Ou, mesmo, como aproveitamento da biomasa.

Discrepo cos 200 profesores autores dun manifesto: non se trata de abordar a ordenación “do rural galego”, senón abordar a ordenación territorial de Galiza. Nin de facer unha nova política para “o rural galego”, senón unha nova política para Galiza.

Semella o mesmo pero non o é. Os nosos devanceiros da Xeración Nós entendían moi ben a diferenza. O rural non pode ser suxeito pasivo.

 

Afonso Eiré e xornalista e colaborador habitual de “El Correo Gallego”


© 2011 Galega de Comunicación e Información, S.L.U. - Aviso legal - Contacto