Cinemas galegos presentan o documental “Arte al agua” sobre os bacalladeiros en Terranova

 Esta fin de semana chega aos cinemas galegos o documental Arte al Agua, los bacaladeros de Terranova, retrato íntimo das adversidades e sufrimentos que viviron os homes que durante décadas cruzaban o Atlántico desde os portos de Pasajes no País Vasco e de A Coruña, O Ferrol ou Vigo en Galicia rumbo ás costas canadenses e a Groenlandia, onde faenaban durante meses en condicións terribles para encher de bacallau as adegas dos barcos e, xa salgado, os peiraos da costa cantábrica. Sobre todo, os de Pasajes, A Coruña, Vigo, Ferrol e Ribeira.

O documental retrata os anos dourados da pesca do bacallau, especialmente as décadas dos 50, 60 e 70. Ao final desta época, máis de 120 barcos con 5.000 homes faenaban anualmente nestas augas e capturaban preto de 300.000 toneladas de bacallau. Ata que todo veu abaixo, as capturas comezaron a escasear a finais dos 70 por sobrepesca e en 1977 Canadá declarou as 200 millas mariñas para asegurar o recurso e a súa explotación propia, o que deixou fóra dos caladoiros á frota española por falta de cotas. Ademais, produciuse unha desaceleración nas políticas do goberno de Madrid de apoio a esta industria pesqueira. Finalmente, en 1992 declarouse a veda da pesca do bacallau, que aínda está vixente. Isto provocou o colapso das poderosas frotas bacaladeiras galega e vasca e deixou sen traballo a miles de persoas.

Arte al Agua -que se proxecta a partir do día 10 nos cines da Praza Elíptica de Vigo, nos Dúplex de Ferrol, nos Marineda e Cantóns da Coruña, n’As Cancelas de Compostela e n’As Termas de Lugo- recolle as historias na voz dos seus protagonistas, como os galegos Porfirio Casal Cabaleiro, que traballou sen descanso en Terranova durante 30 anos e só se queixa de que só viu a súa muller e fillos 5 deses anos; o capelán Raimundo Pérez Betal ou os pescadores Manuel Touriño Pereira e Emilio del Rio. Eles son os que contan a súa historia, as súas aventuras neses mares afastados e o que viviron durante eses anos. É a nosa última oportunidade para poder escoitar a estes homes, antes de que desaparezan e calen para sempre. A historia, nunca contada enteiramente, dos homes valentes que alcanzaron o status de lendas no seu tempo, que saíron facer o que sabían facer mellor e triunfaron, ata o punto de destruír o seu propio sustento.

A película ilustra os relatos dos bacallaeiros con incribles imaxes de arquivo, a maior parte do material en soporte de super8, filmadas polos propios capitáns, patróns de pesca, mariñeiros ou outros membros das expedicións. Estas imaxes son tan diversas como sobrecogelloras. Golfiños acompañando os barcos, baleas limpándose os espiráculos, encontros con icebergs, capturas tremendas en longas redes, homes traballando en condicións terribles, barcos de pesca atizados polas treboadas, homes facendo guerras de bólas de neve para pasar o tempo, sacando os seus mortos dos barcos, das igrexas de Canadá aos cemiterios, etc. A maior parte deste material filmouse nos anos 60 e 70 polos propios mariñeiros, algunhas veces de forma abrupta, outras de forma tremendamente poética. E o público galego poderá gozalo dende este venres, día 10, ata o vindeiro día 23, nas  salas das principais cidades galegas.


© 2011 Galega de Comunicación e Información, S.L.U. - Aviso legal - Contacto