A Xunta amplía o Instituto Feiral de Vigo, IFEVI

A Xunta, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), vén de adxudicar o contrato para a execución das obras de ampliación das instalacións do Instituto Feiral de Vigo (IFEVI) á empresa Constructora San José por preto de 3,25 millóns de euros.

Este contrato, ao que se presentaron 17 empresas, responde ao acordo de colaboración asinado entre a Consellería de Economía, Emprego e Industria e a AXI, dependente da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, para a realización destas actuacións, que permitirán incrementar a superficie do recinto en 5000 m2.

A empresa adxudicataria conta, unha vez se asine o contrato, cun prazo de 24 semanas para a realización das obras, que se executarán na parcela na que se sitúa o actual recinto feiral e noutra lindante con ela, duns 3.000 m2, que o Concello de Vigo puxo a disposición da Xunta de Galicia para poder levala a cabo. O proxecto, aprobado mediante o procedemento recollido na Lei de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese, mantén a configuración actual das instalacións engadindo un pavillón anexo ao pavillón número 2 que contará cunha superficie de 5000 m2.

Ifevi acolle importantes citas como Conxemar, que contou en 2017 con máis de 31.000 visitantes de 104 países de todo o mundo; ou Navalia, cuxa sétima edición está programada para 2018.

Estas melloras, cun orzamento final de 3.248.074,34 euros, permitirán abrir novas oportunidades de negocio, beneficiando así ao conxunto do tecido económico empresarial tanto da comarca como de Galicia, e a sectores estratéxicos como o pesqueiro, o conserveiro ou o naval. Calcúlase que a ampliación terá un impacto nos sectores hoteleiro e hosteleiro de Vigo de máis de dous millóns de euros ao ano.

As obras dan continuidade aos traballos xa realizados por parte da Xunta. Deste xeito, a Administración galega levará investidos ao redor de 15 millóns de euros desde 2005 na modernización e mellora do recinto feiral.


© 2011 Galega de Comunicación e Información, S.L.U. - Aviso legal - Contacto