Empeza na Coruña a Semana das Músicas do Audiovisual

 Comezaron no Palacio da Ópera e na Fundación Paideia, da Coruña, as actividades da segunda edición da Semana das Músicas do Audiovisual, un festival singular organizado pola Academia Galega do Audiovisual e pola Orquestra Sinfónica de Galicia coa intención de dar protagonismo ás músicas para cine, televisión e outros medios audiovisuais, difundindo as mellores composicións en cada xénero e ampliando a formación de profesionais e persoas interesadas en eidos como composición, produción e interpretación dun tipo de música que todo o mundo escoita, pero que non sempre consegue a atención directa do ouvinte. A programación estenderase ata o venres, 1 de decembro, baixo a batuta do compositor Nani García. As actividades serán de acceso gratuíto, previa reserva. Hai máis información na web da Academia.

A segunda edición da Semua comezou coa gravación da BSO de Los futbolísimos no Palacio da Ópera. A Orquesta Sinfónica de Galicia interpreta a música creada por Fernando Velázquez para a película, dirixida por Miguel Ángel Lamatabaseada a partir do primeiro dos libros da aclamada serie homónima. Unha comedia de aventuras protagonizada por un grupo de nenos e nenas que están a piques de entrar na adolescencia.

Xa pola tarde a Fundación Paideia acollerá unha Masterclass sobre os dereitos de autor nas músicas do audiovisual de especial interese para produtores e dircetores, ademais de para músicos, que analizarán quen, como e onde se defende o valor intelectual e económico da obra audiovisual. Abordarán, tamén, os novos cambios na lei de propiedade intelectual a nivel europeo e as modificacións derivadas dos novos dereitos que emanan do uso da web, entre outras cousas. Imparte esta formación, gratuíta, Luís Ivars, presidente Honorífico de Musimagen (Asociación Española de Compositores para Audiovisual) e membro da directiva de ECSA (European Composers & Songwriters Alliance), tamén exerceu a presidencia de FFACE (Federation of Filme & Audiovisual Composers of Europe), da que foi un dos seus creadores.  Como compositor, Tabarka foi a súa primeira longametraxe, á que lle seguiron Tiempos de Azúcar, Sagitario, La Dama Boba, Tarancón el Quinto Mandamiento, 22 Ángeles ou Capitán Trueno, entre outros proxectos. Foi finalista aos Premios Goya á Mellor Canción Orixinal en 2017, 2016 e 2015 polos filmes Bollywood made in Spain, Matar el tiempo e Haz de tu vida una obra de arte.

Hoxe martes, de 18h30 a 21h na Fundación Paideia, Óscar Araújo impartirá unha Masterclass Música para videoxogos.

E o mércores, no mesmo horario e lugar, Vanessa Garde ofrecerá unha Masterclass de Tecnoloxía e creatividade na produción musical, na que abordará dende os sistemas de composición de músicas para o audiovisual máis simples ata os máis complexos, xa que o uso da tecnoloxía e da innovación son hoxendía un medio que permite impulsar a creatividade na produción musical. Vanessa Garde é compositora para cinema, televisión e medios audiovisuais; arreglista, orquestradora, programadora (experta en tecnoloxía musical) e profesora no Máster de Composición de música para Cinema, Televisión e Vídeo Xogos en Berklee College of Music (no campus de Valencia). No mundo do cinema, o seu traballo está presente en películas como Exodus (dirixida por Ridley Scott), Misconduct, Tarde para la ira, Mi Panadería en Brooklyn, Hunter’s Prayer, Todos Tenemos un Plan, La Luz Fría del Día, Al Final del Túnel, Fin, The Raven o La Vida Inesperada, entre outros.  En televisión, traballou nas series Galerías Velvet, Gran Hotel ou Lo que escondían sus ojos.

O xoves pola tarde, de 17h00 a 19h00, o Conservatorio Superior de Música da Coruña  acollerá un Encontro aberto con Fernándo Velázquez. Compositor de música de concerto, cinema e televisión, o seu primeiro traballo con gran repercusión foi a banda sonora de El Orfanato. Entre as súas partituras para cine podemos destacar Mamá, Crimson Peak, Lo Imposible, Hércules, Ocho apellidos vascos -que é o filme máis taquilleiro do cinema español-, así como numerosas películas independentes, como Babycall, El guardián invisible, Gernika, Zipi y Zape y el club de la canica ou Los ojos de Julia. A súa partitura de Un monstruo viene a verme fíxolle recibir os premios Goya, Feroz e a Medalla do Círculo de Escritores Cinematográficos en 2017. Tamén foi nomeado como compositor do ano 2016 pola Asociación de Críticos Internacionais de Música de Cinema.

Finalmente, a Orquesta Sinfónica de Galicia ofrecerá en Narón o venres 1 de decembro un gran concerto no que interpretará algunha das principais partituras para cine e televisión escritas en Galicia durante os últimos anos por compositores como Xavi Font, Manuel Riveiro, Arturo Kress ou o propio Nani García. O concerto e a semana adicará este ano una especial atención á figura de Fernando Velázquez, autor referecial do Estado, que dirixirá o concerto, incluíndo algunhas das súas obras no programa.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar