Moncho Borrajo expón en Ferrol unha antoloxía da sua obra pictórica

 

O actor exporá medio cento de obras de grande formato que amosan ata medio século da súa traxectoria no mundo da arte plástica, un traballo pouco coñecido deste polifacético artista

A Fundación Santo André de Teixido patrocina esta exposición, titulada Camiños, e que estará a disposición do público na Sala Carlos III de Exponav entre o 1 de decembro e o 31 de xaneiro

Santo André de Teixido. 25 de novembro de 2017. O artista Moncho Borrajo é o autor da exposición titulada Camiños e que, patrocinada pola Fundación Santo André de Teixido, ocupará a sala Carlos III de Exponav (Ferrol) entre o 1 de decembro de 2017 e o 31 de xaneiro de 2018.

 

A mostra recolle a traxectoria de Borrajo durante cando menos medio século no mundo da pintura, unha faceta pouco coñecida do artista que sempre acadou maior fama como actor e humorista malia que a súa obra pictórica forma parte de museos e coleccións particulares.

En Camiños, Borrajo pretende facer un percorrido pola súa vida artística durante máis de 50 anos no mundo da pintura. E como a vida son camiños, optou por este título para as obras que se enmarcan nesta exposición. Hai cadros de grande formato, entre Meninas, traballos nos que manda a xeometría, como influencia da súa formación en arquitectura e como esencia de todos os camiños, e mesmo o Pop Art.

A súa obra pictórica non dá as costas ás outras facetas deste artistas. E por iso, veremos na exposición referencias á música, á poesía e ao humor. Todo, cunha grande dose de cor e sen explicacións. Porque para Moncho Borrajo, “a pintura non hai que explicala”. Evítase así o risco de que un exceso de literatura sexa un obstáculo para contemplar a esencia da obra.

 

TRABALLOS RECENTES

Ademais da pintura, Moncho Borrajo segue a traballar as demais disciplinas artísticas nas que se move. Entre os seus últimos traballos atopamos o deseño do logotipo da Fundación Santo André de Teixido, que colabora na posta en marcha desta exposición.

Borrajo segue desfrutando da súa faceta de actor con espectáculos por toda España e tamén publicou recentemente unha Escolma do seu humorismo gráfico, un traballo editorial que recompila boa parte do feito ata a data por este polifacético artista nesta disciplina, á que lle prestou especial empeño nos anos 80. Foi entón cando publicou Moncho y Yo (Ed. Planeta 1980), Moncho y Tú (Ed. Planeta, 1986), ¡Pobres Míos! (Ed. Planeta, 1987) e Animaliños (Ed. Ir Indo, 1988). Dúas décadas despois, saíu Gatos (Ed. Ir Indo, 2008). E son estes traballos os que se recollen agora na Escolma, que inclúe tamén algunhas viñetas publicadas en xornais.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar