Malvados

Se temos que enumerar os grandes riscos do planeta, non teríamos espazo suficiente no caderno, non teríamos follas dabondo para as ameazas dos cambios e dos elementos que os provocan con tanta distorsión, que alteran e deforman o que consideramos como normal. Só o cambio climático é quen de desestabilizar o mundo. Moitos expertos falan del como a máis grande das ameazas para o medio ambiente, ás que terá que enfrontarse a humanidade, con suor, con dolor e paciencia, con tecnoloxía e saber, con rigorosidade e con normas.

O quentamento global ao que estamos sometidos ou nos someten, segundo os científicos, modifica o organismo de animais e, obviamente, das plantas. Aparecen nos dous casos problemas de fertilidade, cambian as proporcións dos corpos dos animais, modifican as súas estruturas e formas as plantas, vén o inverno a destempo, non hai verán nin diferencia entre estacións e chove cando quere. A sanidade non pode facer fronte a tanta gripe e os virus campan ás súas anchas polos corpos que os acollen con receo e sen remedio.

Tanto nos animais como nas plantas, hai poboacións que se desprazaron de lugar e outras que se quedan, como as anduriñas que xa non veñen anunciando o verán, que se quedan voandeiras, como as voandeiras do mar. Temos cerdeiras que dan dúas colleitas de cereixas, escallos con pugas e sen elas; temos sorpresas en calquera instante e resistencia a algúns cambios, quizais aos que menos mal fan. Temos un mundo revolto e unha enorme leira arada para que naza e medre a concordia, para amainar os ímpetos dos malvados e malvadas. A Tía Manuela tamén o dicía, “temos o que temos, o que nos deixan”.

Os científicos andan na procura de solucións, pero a perversión fai ignorar os resultados e quen a exerce agranda o seu poder cada día. Un estudo científico do CSIC, publicado recentemente en Scientific Reports, indica que o quecemento do mar produce alteracións epixenéticas nos peixes. Pois, permítanme que deixe unha pregunta no aire: a quen favorece ese cambio climático que se está producindo por mor dese quentamento global? Dos nosos, obviamente, a ninguén. Ao mundo e á maioría dos vivos, tampouco. A natureza sofre con el, as paisaxes deterióranse e os corazóns dos humildes e das maiorías inocentes encóllense, seguramente, para sempre.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar