Adiante

Sorprendente, son tan sorprendente que xerou confusión nas súas contornas. O político experimentado, veterano xa nos anos noventa, con sinxeleza na mirada, na cara e no andar, con tristeza no maxín e intelixencia dabondo para ser, como foi, un magnífico representante do seu pobo, para ser un home apreciado, de cordialidade recoñecida por todos, incluso polos das distintas familias políticas e, loxicamente, polos da súa familia natural que tanto adora, quedou só, composto e sen noiva. Moitos senten aversión vendo ao amigo defenestrado, con patadas nos xeonllos, golpes no peito ferido e gabanzas dos novos triunfadores, iguais, exactamente iguais ás dos vellos traidores.

Permítanme que lles confese que son dos que pensan que os discrepantes, na maioría dos casos, dos procesos, dos falares e faceres, son os que máis razón teñen

Na política, din que é así. Maldita sexa! É o mesmo que na feira de Seoane, de Castro Caldelas, de Chapela ou Cotobade, de Laracha, das Pontes de García Rodríguez, de Trabada, Sarria ou de Triacastela. Cando un perde outro gaña. O que gaña, naturalmente, é o triunfador, o que concentra as atencións, os parabéns, as miradas, a luminosidade dos focos e, xa que logo, a responsabilidade de tirar do carro e de labrar o futuro cos bois que lle veñen dados, nestes casos da política, impostos, independentemente da valía, da capacidade e/ou mérito.

A política parece un xogo e debería ser o exercicio de cumprir fielmente co servizo público, o exercicio de respecto aos outros, aos veciños do edificio, do barrio, do lugar e do país, aos compañeiros e amigos, aos iguais e aos discrepantes. Meus amigos, permítanme que lles confese que son dos que pensan que os discrepantes, na maioría dos casos, dos procesos, dos falares e faceres, son os que máis razón teñen. É conveniente, pois, valorar na xusta medida, e coa atención debida, a postura e a intervención dos que disenten, incluso dos que o fan sempre.

E, os desacordos en ámbitos da política, en discusións científicas, en reunións desas que se fan para arranxar o mundo, en faladoiros radiofónicos, televisivos ou de taberna, en reunións literarias, mesmo nos Martes Culturais do Puñal, nos círculos de sabios e intelectuais, en onde queira que sexa, son un sinal inequívoco de vitalidade, de frescura e de preocupación por avanzar na dirección que a cada quen lle pareza máis correcta. Polo tanto, seguindo o consello da Tía Manuela, adiante cara o futuro!

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar