A USC traballará na implantación de sete novos graos ata 2021

De esquerda a dereita, Julio Abalde, Juan Viaño, Román Rodríguez, Salustiano Mato e Alberto Díez de Castro. 

A oferta docente da USC incorporará nos vindeiros cursos un total de sete novos graos, segundo o documento de Mellora do mapa de titulacións do Sistema Universitario de Galicia 2017-2021 presentado este luns polos tres reitores galegos e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. “Consideramos moi positivo o establecemento dun marco de colaboración interuniversitaria” aseverou o reitor Juan Viaño durante a presentación do citado plan de mellora. Na súa opinión “este é o xeito idóneo de concibir a Universidade galega dos próximos anos. Esa é a senda do crecemento”.

A USC implantará no curso 2018-2019 os graos en Biotecnoloxía, en Criminoloxía e en Paisaxe, este último en colaboración coa UdC. Igualmente e xa de cara ao curso 2019-2020, a institución traballará na implantación dos de Xestión do patrimonio e industrias culturais, Emprendemento e Robótica aplicada ao ámbito agroforestal. Finalmente, xa para o curso 2020-2021 o obxectivo sería incorporar ao catálogo de titulacións o de Bioquímica igualmente no ámbito agroforestal. “A nosa oferta tanto para o curso 2018-2019 como para os vindeiros cursos irá necesariamente ligada á nosa especialización e ás nosas capacidades, como non podía ser doutro xeito”, afirmou Viaño. Na súa opinión, esta planificación parte da premisa de crear títulos de interese para a sociedade galega ao tempo que “reorganizar os nosos recursos para lograr ser máis eficientes e eficaces”.

Neste mesmo contexto e de xeito escalonado, a USC deixará de ofertar os graos en Xeomática e Topografía; Ciencias da Cultura e Difusión Cultural; Xestión de Pemes; e Lingua e Literatura Española do campus lucense. O “traballo que propoñemos para adecuar a nosa oferta e vinculala máis se cabe á especialización dos nosos campus, vai aparellada dun exercicio de responsabilidade coa retirada de títulos que xa non resultan atractivos para o noso estudantado” dixo o reitor valorando o novo mapa de titulacións do Sistema Universitario Galego.

De xeito parello, o novo mapa de titulacións recolle os títulos singulares, aqueles que “pese a non ter moita demanda nos últimos anos, considéranse necesarios para contar cun mapa completo integrado e coherente. Son, en definitiva, títulos esenciais e indispensables para a oferta global do sistema”. No caso da USC adquiren esa consideración os graos en Filoloxía Clásica, Lingua e literatura galegas e en Xeografía e ordenación do territorio. Na UDC afecta aos títulos en Tecnoloxía de enxeñaría civil, Enxeñaría naval e oceánica, Arquitectura técnica e o grao en Galego e Portugués. De Uvigo terá carácter singular o grao en Enxeñaría dos recursos mineiros e enerxéticos.

Como se explicou nesta presentación, no caso dos títulos duplicados en varias universidades e con baixa demanda, “a solución pasa por elaborar unha directrices conxuntas entre as tres universidades a través do Consorcio Interuniversitario de Galicia, para impulsar a colaboración e a potenciación da súa oferta docente”. É a situación dos graos en Enxeñaría forestal e do medio natural (USC) e de Enxeñaría forestal (UVigo); Enxeñaría agrícola e alimentaria (USC) e Enxeñaría agraria (UVigo); e Enxeñaría civil (USC) e Enxeñaría de obras públicas (UDC).

Da outra banda, para os títulos multiplicados con alta demanda, emitirase un informe de expertos académicos de fóra de Galicia no que se proporá a homoxeneización de, polo menos, os dous primeiros cursos. O informe tamén incluirá suxestións de orientación ou mencións para os dous últimos cursos. Igualmente constituirase unha comisión interuniversitaria integrada por representantes de cada universidade vinculados ao título que valorarán os informes previos e, de consideralo axeitado, consensuarán os títulos especializados que procedan.

O futuro mapa de titulacións continuará impulsando os dobre graos, con contidos e competencias complementarias e un plus de formación de cara á empregabilidade dos egresados. Neste caso, a nota de corte será unha variable a ter en conta para o mantemento ou retirada da oferta.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar