Santiago:
XIV Encontro Galego de Ilustración

 A Asociación Galega de Profesionais da ilustración (AGPI) celebra o vindeiro sábado 28 de outubro na Sede de Afundación en Compostela (Rúa do Vilar 19) o XIV Encontro Galego de Ilustración, un evento de referencia para os creadores gráficos e para os profesionais da ilustración do país, que este ano estará protagonizado por dúas mulleres cun amplo coñecemento da profesión: a andaluza Mar Malota -que compartirá reflexións e experiencias da súa vida como ilustradora- e a italiana Giovanna Lopalco -que falará do proceso de creación nun filme de animación e desvelará como se adapta a linguaxe da ilustración á do cinema. A asistencia a ambas as dúas charlas, a partir das 11h00 da mañá, é libre e gratuíta.

Desde 2004, a AGPI celebra o último sábado de outubro en Compostela o Encontro Galego de Ilustración, un evento que convida todos o anos a destacados ilustradores e ilustradoras galegos e estatais a amosar o seu traballo e a reflexionar sobre o presente e o futuro da ilustración. O Encontro quere, ademais de reunir a comunidade galega do sector, dar visibilidade á ilustración como importante activo da cultura, da creación e da comunicación contemporánea. Segundo asegura a AGPI: “a ilustración galega ten cada vez máis recoñecemento e proxección internacional”, aínda que “hai moito traballo que facer para que o sector acade ese mesmo recoñecemento profesional e cultural no propio país”. Para conseguilo, “é imprescindible artellar liñas de traballo en común, potenciar o asociacionismo e fomentar as boas prácticas profesionais”.


O programa


11:00
 Aventuras e desventuras (da profesión do ilustrador). Charla de Mar Malota, trasunto de Mar Hernández (Xaén, 1980), doutora en Belas Artes pola Universidade Politécnica de Valencia e ilustradora profesional e vocacional. Comezou a traballar pola súa conta no campo da ilustración no 2006, e desenvolve proxectos para clientes nacionais e internacionais. O seu traballo é versátil e traballou para campos como a ilustración editorial, a ilustración de prensa, a ilustración para audiovisuais ou a ilustración para produto. Mar tamén é docente no Máster de ilustración da Universidade Politécnica de Valencia, no posgrao de ilustración da universidade privada ESAT e no seu grao en arte e tecnoloxía. Traballou para clientes como: Google, SAP, Samsung, Volkswagen, Zara, Axa, Banc Sabadell, Iberia, Generalitat Valenciana, Nobel, Opera Magazine, Dwell Magazine, Scouting Magazine, Variety Magazine, Wall Street Journal, La Vanguardia ou The New York Times.

13:00 Cando a ilustración atopa o cinema. Charla de Giovanna Lopalco (Mesagne, Italia 1982). Estudia animación no Centro Sperimentale di Cinematografia de Turin. Desde 2008, traballa en diferentes curtametraxes e peliculas como animadora e background artist. (Kérity la maison des Contes, Pinocchio, Sangre de Unicornio, Psiconautas y los niños olvidados, Ethel and Ernest, etc). Con motivo dunha residencia de autor, na Maison des auteurs en Francia, apaixonouse pola ilustración e o cómic, e comezou a desenvolver outros proxectos como autora. Desde 2011 vive en Galicia, onde combina o seu traballo de deseñadora de fondos coa súa faceta de ilustradora.

A organización

Asociación Galega de Profesionais da Ilustración agrupa ilustradores e ilustradoras interesados na defensa común dos seus dereitos e intereses profesionais. Actualmente AGPI aglutina máis de 120 ilustradores e ilustradoras de distintas xeracións e de todas as áreas da creación visual aplicada. AGPI forma parte da Federación de Asociaciones de Ilustradores Profesionales (FADIP), integrada actualmente polas asociacións de Cataluña, Galicia, Madrid, País Vasco e Valencia, e que á súa vez é parte do European Illustrators Forum (EIF), que aglutina asociacións de ilustradores de toda Europa. Poden formar parte da AGPI todos os creadores visuais que se dedican profesionalmente á ilustración en calquera das súas áreas: libro, libro de texto, BD, publicidade, prensa, humor gráfico, produto ilustrado, animación, multimedia, videoxogo, infografía, cartelismo, packaging, gravado e estampación, caricatura, muralismo, téxtil, storyboard, concept art, ilustración científica, merchandising, etc.

DescargasCartaz | Programa | Fotografía de Mar Malota | Fotografía de Giovanna Lopalco


© 2011 Galega de Comunicación e Información, S.L.U. - Aviso legal - Contacto