Rumor e mentira


Se correo o rumor, déixao pasar. Fronte á mentira, ouvidos xordos e fronte ao rumor, o mesmo, importancia mínima, ningunha. Andan os listos con vaguidades, facendo novas interesadas, buscando lucro na confusión e na desinformación. Andan os rumorosos zumbando, transmitindo versións apócrifas e pouco fiables de feitos importantes. Van os rumores de boca en boca infectando ás mensaxes veraces, xerando situacións enrarecidas, embarazosas e impregnadas por circunstancias adversas que alentan efectos negativos para a normal convivencia cidadá, familiar e de amizade.

Corren os rumores e ninguén é quen de paralos. En tempos, o principal canal de comunicación situábase no contacto cara a cara dos interlocutores, que contaban e escoitaban novidades coa boca e os ollos abertos. Logo, coa comunicación escrita perde forza a oral e, xa deseguida, aparecen os medios de comunicación nas súas diferentes formas, e actúan como transportadores de novas para a multitude, novas ou informacións contrastadas, veraces e útiles para que os lectores saiban o que pasa no seu arredor.

Pero, outra vez, hai terreo traballado para o rumor, “acción colectiva de expresión e comunicación” na teoría da psicoloxía de masas. Algúns estudosos din que se especializou e que se intensificou esta técnica malévola de distorsión da realidade, que obriga a moitos a vivir nun mundo irreal e, polo tanto, a tomar decisións nese ámbito, probablemente baseadas en supostos desconectados coa realidade. A sociedade dificilmente pode discernir entre a verdade e o rumor ou a mentira. A tía Manuela xa o dicía, “antes de crer nada do que contan, hai que saber de quen vén e para onde vai”.

Os tempos actuais son apropiados para que os rumorosos gocen coas súas creacións. Son momentos de confusión, con dificultades de precisión, incluso numérica; de desconfianza na información, nas canles e nos emisores, con pouco contraste e, en moitos casos, con ausencia de certeza ou verdade, coa conseguinte perda de credibilidade do emisor, en relación íntima coa perda de reputación e, como o refrán popular, “na boca do mentireiro, o dito faise menos certeiro”.


© 2011 Galega de Comunicación e Información, S.L.U. - Aviso legal - Contacto