Ourense:
A obra fotográfica do cineasta Carlos Velo, no Centro Cultural da Deputación

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, acompañado pola presidenta da Fundación “Carlos Velo”, Carmen Leyte, e polo escritor e comisario de exposicións, Enrique Acuña, inaugurou no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense a exposición “Carlos Velo, A volta a Cartelle”, que exhibe 42 fotos de gran formato que o cineasta ourensán realizou na súa visita á súa aldea natal en 1967, retratando a veciños, paisaxes e elementos arquitectónicos.

Manuel Baltar dixo que esta exposición “recolle a volta de Carlos Velo a Cartelle, hai 50 anos, con fotos inéditas feitas polo propio Carlos Velo da súa aldea, Os Pereiros, na que se poden contemplar veciños, paisaxes e en definitiva a historia do seu pobo hai cinco décadas”. O presidente do goberno provincial cualificou a Carlos Velo como “un dos grandes de Ourense e de Galicia, que transformou o cinema mexicano, sendo a súa propia vida tamén unha película”, engadindo que tivo como mestre a Risco, e que se empapou de galeguismo, “cunha traxectoria de compromiso coa súa terra, o que fai que hoxe lembremos a súa figura a través desta exposición e tamén por medio da Fundación “Carlos Velo”, que apoia á Deputación de Ourense desde o seu comezo”.

 

Manuel Baltar destacou a importancia de pór en valor a obra cinematográfica, literaria e fotográfica de Carlos Velo, “traéndoa á actualidade para que chegue nestes momentos ao público, polo cal felicito á fundación e ao comisario da exposición, Enrique Acuña, e por suposto aos veciños de Cartelle porque son protagonistas dun evento cultural deste ano 2017, ao que todos estamos convidados para contemplar a arte e o sentimento de Carlos Velo feito fotografía”.

A exposición poderá contemplarse ata o vindeiro 26 de novembro no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, “unha oportunidade para ver esta obra fotográfica dun dos grandes documentalistas de México, que nunca se esqueceu da súa terra”, explicou Carmen Leyte, afirmando que Velo “foi un grande escritor e intelectual, promotor la revista Vieiros, publicación galega, cultural e literaria, creada en México en 1959, para servir de ponte entre exiliados e galegos en España”. Leyte comentou que a Fundación Carlos Velo ten como obxectivo “difundir e promover a obra de Velo, así como o cinema ourensán e galego, “arte á que tantas e tan importantes achegas fixo”.

Pola súa banda, Enrique Acuña subliñou que se cumpren agora cincuenta anos da volta de Carlos Velo a Galicia, “e esta exposición é unha captura sentimental da súa aldea, da súa nenez e mocidade, para levar de volta a México a memoria da súa terra. Son 42 fotografías seleccionadas dun total de medio cento de imaxes, o que da boa mostra da calidade deste traballo audiovisual, que se conforma como unha das mellores mostras da fotografía galega do século XX”.


© 2011 Galega de Comunicación e Información, S.L.U. - Aviso legal - Contacto