Os escultores Acisclo Manzano e Manuel Buciños reciben o Premio “Otero Pedrayo”

Os escultores Acisclo Manzano e Manuel Buciños recibiron na Casa-Museo Otero Pedrayo, en Trasalba (Amoeiro) o Premio “Otero Pedrayo” 2016, que se lle concedeu ex aequo. A proposta, presentada polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, fora acordada por unanimidade polo xurado, primeira vez desde que se instaurara o premio –en 1977, gañado por Carlos Casares-, que o xurado ditamina por unanimidade a concesión do galardón.

A acta do xurado recolle que Acisclo e Buciños honraron á Xeración Nós e as súas obras son coñecidas nacional e internacionalmente, e que por medio de Risco e de Otero Pedrayo integraron os artistas ourensáns dos 50, que coñeceron o labor das vangardas dos anos 20 e comezaron a experimentar novos estilos. Segundo o xurado, son abondosos os méritos que concorren en Manuel García Vázquez e Acisclo Rogelio Manzano Freire, presentes e recoñecidos polas súas obras en coleccións públicas e privadas dos principais museos e centros artísticos de Galicia, España, Europa, América e, mesmo en Asia. Nados, o primeiro, en 1938, no lugar de Buciños, do que toma o seu nome artístico, concello de Carballedo, pero afincado en Ourense desde 1950 e, o segundo, en 1940, nesta cidade de Ourense.

No acto de entrega, Manuel Baltar dixo Acisclo e Buciños son “dous clásicos da arte con maiúsculas, que transcenden modas, movementos e vangardas”, vindicando especialmente neste momento a Ourensanía, “un sentimento compartido, aberto, plural e universal, que nada ten que ver co localismo insolidario e mesquiño”. Cando está a piques de cumprirse a 40ª edición do premio, o presidente da Deputación de Ourense dixo que este galardón “necesita, por parte das deputacións convocantes e da Xunta, un pulo renovador, un esforzo común para adecualo aos tempos que nos toca afrontar”, expresou.

Baltar afirmou que o Premio Otero Pedrayo, instituído un ano despois do falecemento do Patriarca das Letras Galegas, “naceu en pleno fragor político de transición democrática, da vontade institucional dos catro gobernos provinciais de Galicia, antes que o noso país acadase a súa ansiada Autonomía. E naceu para distinguir a unha personalidade ou a un colectivo que, no fecundo ronsel de Ramón Otero Pedrayo, tivese aportado o mellor da súa creatividade ou por ter emprendido accións culturais de relevo no ámbito do patrimonio común. É dicir, obras e actividades que contribuísen a impulsar a identidade do noso pobo, de dentro e de fóra da Galicia territorial”, afirmou o presidente.

Asemade o presidente do goberno provincial propuxo que a entrega do Premio teña lugar “na Casa-Museo de Don Ramón, referente de digna e fecunda galeguidade, atendendo á solicitude do novo presidente da Fundación, Juan Luís Saco Cid, unha circunstancia propicia, ideal para o futuro”.

Pola súa banda, Acisclo Manzano e Manuel Buciños agradeceron o premio e coincidiron en destacar a importancia de seguir promovendo os valores da defensa do galeguismo e da nosa lingua e cultura que promoveu Otero Pedrayo. Así, o galardoado Manuel Buciños afirmou: “É unha honra recibir este premio na Casa de Don Ramón, de lembranza inesquecible para Galicia”, mentres que Acisclo Manzano asegurou que “seguiremos a traballar con toda a ilusión pola nosa Galicia”. A laudatio dos premios estivo a cargo da profesora María Victoria Carballo Calero.

O premio, dotado con 16.000 euros, foi convocado na edición de 2016 pola Deputación de Ourense e ten por obxecto perpetuar e honrar a memoria de Otero Pedrayo, premiar un labor que constitúe unha contribución eminente á cultura galega, e promover os valores propios de Galicia e as obras que leven ao esclarecemento e á mellora da súa cidadanía e institucións.

Acisclo e Buciños déronse a coñecer no mesmo ámbito cultural: o relatorio de don Vicente Risco, na cafetería do Hotel Parque, e pertencen, a pesar da diferencia de idade, á “Xeración dos Artistiñas”, como lles chamou o propio Risco. Ámbolos dous foron amigos de don Ramón Otero Pedrayo, no Volter -inaugurado por don Ramón-, no Miño e noutros enclaves ourensáns nos que a presencia e a palabra do mestre Otero Pedrayo era frecuente. Son, polo tanto, oterianos convictos e confesos.

Expresa o xurado na acta que os dous escultores recibiron gabanciosas críticas de don Ramón, visibles nos catálogos das exposicións e nas colaboracións de Otero na prensa, e traballaron xuntos durante máis de dez anos no mesmo taller, en Ourense, forxando, á marxe do enfoque, concepción e desenvolvemento das súas pezas escultóricas, unha colaboración e unha amizade que perdurou ata a actualidade.

Acisclo e Buciños honraron á Xeración Nós, con creacións singulares e de estilos moi diferentes, pero cun común denominador da fonda marca que esta xeración. Buciños, co seu emblemático monumento en bronce a Otero Pedrayo, actualmente na Praza do Correxidor, e Acisclo en varias obras públicas de grande tamaño, captaron a mensaxe de don Ramón, dándolle plasticidade á súa figura patriarcal e transmitindo a súa verba, a palabra do meirande orador da Galicia de todos os tempos. A acta subliña que a forza e o pulo que Acisclo e Buciños teñen derramado a mans cheas no seu labor de décadas; a presenza de Otero Pedrayo na súa obra; a entrega total a Galicia; e á súa cultura como artistas plásticos, son motivos máis ca abondosos para premiar a ambos os dous.

O xurado estivo presidido por Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura da Xunta, sendo vicepresidente Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, e vogais: Xosé Leal Fariña, deputado delegado de Cultura da Deputación de Pontevedra; Pilar García Porto, deputada de Cultura da Deputación de Lugo; Manuel Doval Soto, presidente da Comisión de Cultura da Deputación de Ourense; Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta; Carme Silva Domínguez, vicerreitora de Servizos Universitarios do Campus de Lugo, en representación da Universidade de Santiago; Susana Reboreda Morillo, da Facultade de Historia do Campus de Ourense, en representación da Universidade de Vigo; Manuel Ferreiro Fernández, da Facultade de Filoloxía, en representación da Universidade da Coruña; Pablo Otero Piñeyro Maseda, en representación do Instituto “Padre Sarmiento”; Felipe Ferreiro Feijóo, designado pola Xunta como autoridade científica e literaria; Luis González Tosar, designado pola Deputación de Ourense como autoridade científica e literaria; Primitivo Iglesias Sierra, designado pola Deputación de Lugo como autoridade científica e literaria; Carme Fernández-Pérez Sanjulián, designada pola Deputación de Pontevedra como autoridade científica e literaria; Xosé Carlos Valle Pérez, director do Museo Provincial de Pontevedra, como autoridade científica e literaria, actuando como secretario do xurado Francisco Cacharro Gosende, secretario xeral da Deputación de Ourense.


© 2011 Galega de Comunicación e Información, S.L.U. - Aviso legal - Contacto