“Luar na Lubre” grava un novo disco no Mosteiro de San Pedro de Rocas

 

O grupo folk Luar na Lubre grava estes días no Mosteiro de San Pedro de Rocas (Esgos) o que será o seu novo traballo discográfico, dedicado á Ribeira Sacra, que ten como obxectivo poñer en valor a través da música a riqueza histórica, etnográfica, natural e monumental deste territorio. A Deputación de Ourense colabora con este traballo discográfico que desenvolve o grupo folk, o cal incorporará como novidade no seu repertorio o idioma do afiador, o barallete, unha das singularidades da Ribeira Sacra.

O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar visitou ao grupo no seu lugar de traballo, agradecendo a Luar na Lubre “o seu compromiso coa Ribeira Sacra e coa posta en valor da nosa cultura a través da súa música”. Baltar dixo que esta “é unha ocasión perfecta para seguir apostando pola Ribeira Sacra, ao contar cun grupo folk de referencia no ámbito galego e internacional como Luar na Lubre, que elixiu san Pedro de Rocas para traballar na súa próxima produción, o que pon de relevo a importancia deste espazo que estamos a impulsar para que sexa declarado Patrimonio Mundial pola Unesco”. O presidente da Deputación de Ourense subliñou “o grande impacto” que ten un traballo discográfico destas características, “que une música e cultura, polo cal agradezo a Luar na Lubre que elixira Ourense e Rocas e deséxolles moitos éxitos con este proxecto”.

 

Pola súa banda, o líder do grupo, Bieito Romero, adiantou que esta produción, na que están a traballar ao longo desta semana en Rocas, será presentada no Teatro Principal de Ourense en marzo de 2018 e abrangue composicións propias, música tradicional e melodías “que van lembrar e remarcar todo o patrimonio que temos na Ribeira Sacra”. Romero destacou que esta é a primeira vez que se fai un disco destas características para potenciar e difundir a Ribeira Sacra a través da música”, un territorio “que é desde sempre patrimonio da humanidade, aínda que oficialmente aínda non o sexa, e a nosa idea é poder falar con grandeza da Ribeira Sacra, potenciándoa a través da música”.

O grupo Luar na Lubre, creado en 1986, tense convertido co paso dos anos nunha formación de referencia da música folk galega, dedicando especial atención ao estudo dos cancioneiros galegos así como ao traballo de campo que lle proporciona un fondo coñecemento sobre a realidade musical galega que tamén se revela determinante nas composicións propias.


© 2011 Galega de Comunicación e Información, S.L.U. - Aviso legal - Contacto