Amancio Prada ofrecerá un concerto o luns na Catedral de Santiago

Amancio Prada (Dehesas-León, 1949) ofrecerá un concerto na catedral de Santiago con motivo do trixésimo aniversario da declaración do Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo, que se celebra o luns, 23 de outubro. Estará acompañado por oitenta voces da Escolanía da seo compostelá e os Nenos Cantores da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG), ambos os dous coros dirixidos por José Luis Vázquez, ademais do violinista Juan Luis Gallego e o chelista Rafael Domínguez. A catedral abrirá as portas das Praterías para o público ás 20:30 horas aproximadamente e o concerto será ás 21 horas.

“Tiven o gusto de cantar en moitas catedrais de España, pero a de Santiago é única, porque forma parte da miña vida. Cantas veces entrei nela para quedar alí, abosorto, mirando, pensando, e cantas veces recei e cantei alí en silencio. Este concerto é a realización dun soño moito tempo soñado, sumándome ao coro de músicos anónimos do Pórtico da Gloria, con perdón”, segundo subliña o veterán artista que profesa adoración pola poeta do Sar.

O recital comezará con algúns poemas de Rosalía de Castro e Federico García Lorca, e con motivo da efeméride do Camiño de Santiago abrirá a súa actuación con Romance de don Gayferos, “peregrino de peregrinos –indica Amancio”, peza na que se acompañará da zanfona, seguindo a versión de Faustino Santalices.

O Cántico espiritual de san Juan de la Cruz completará o espectáculo de Amancio Prada: “Cantei esta obra en formatos moi diversos, trío, cuarteto, sinfónico, coral… Pero cando o canto cunha escolanía, que nesta ocasión serán dúas, sinto unha emoción especial, tal vez porque eu tamén fun neno de coro cando estudiaba cos Salesianos en Cambados. É a obra que máis alegrías me deu e, agora, na catedral de Compostela e con oitenta nenos cantores, o meu gozo e gratitude serán máximos”.

Os convites para o público xeral poden retirarse desde hoxe xoves na oficina de turismo do Centro Internacional de Acollida ao Peregrino, situado na rúa Carretas, 33; a razón de dúas entradas gratuítas por persoa con DNI.

 


© 2011 Galega de Comunicación e Información, S.L.U. - Aviso legal - Contacto