Afundación celebra mañá en Ferrol o Día Internacional das Persoas Maiores

Afundación celebrará mañá mércores 11 de outubro en Ferrol un acto conmemorativo dentro da campaña que desenvolve a entidade en distintas cidades galegas durante o mes de outubro para sumarse ao Día Internacional das Persoas Maiores, instituído pola ONU en 1990 e que se conmemora anualmente cada 1 de outubro. En 2017 o lema escollido para esta celebración é «Camiñando cara ao futuro. Aproveitando os talentos, as achegas e a participación das persoas maiores na sociedade».

Afundación súmase a esta celebración, dentro do seu proxecto de envellecemento activo, cun acto reivindicativo. Así, convida a cidadanía a conmemorar o Día Internacional das Persoas Maiores instalando ante a Sede Afundación de Ferrol, onde tamén se atopa o Espazo +60 Afundación da cidade (praza da Constitución, s/n), un mosaico que se irá construíndo ata formar un único lema común: «Os de + 60 contamos. O valor da experiencia». O obxectivo desta iniciativa é facer visible a necesidade de incorporar novas perspectivas sobre o envellecemento, que salienten as contribucións das persoas maiores e a necesidade de favorecer a súa participación na vida social, cultural, económica e cívica, para acadar unha sociedade cohesionada que non deixe ninguén atrás.

Evento

Celebración do Día Internacional das Persoas Maiores

Lugar

Sede Afundación de Ferrol (praza da Constitución, s/n)

Data e hora

Mércores 11 de outubro, de 11.00 a 12.30 h


© 2011 Galega de Comunicación e Información, S.L.U. - Aviso legal - Contacto