Onde está o PP da boina?

Mentres Galiza fumega desde Ortegal ao Miño, o Parlamento aproba a Lei de Fomento de Implantación de Iniciativas Empresariais. Un nome moi longo para un propósito moi concreto: dificultar calquera oposición a proxectos empresarías no rural e darlle todas as facilidades as empresas para a expropiación forzosa das terras.

Argumentan desde o PP que se trata de crear riqueza. Pero a realidade é que van pór os recursos naturais en mans das grandes empresas, priorizando a minería, o eólico, así como calquera outra industria extractiva, sobre a agricultura e a economía tradicional e pensando unicamente no seu maior beneficio. Converterán Galiza nunha inmensa canteira e nun grande eucaliptal.

Durante o franquismo, facíanse expropiacións que, no caso dalgúns encoros, nin chegaban a formalizarse. Agora alumea unha lei moi semellante, adobiada coa modernización e os postos de traballo.

Impulsa e facilita esta lei a destrución do tecido social e económico previo que, logo, non é recuperábel, como podemos ver nos saltos hidroeléctricos. Queren o exemplo do encoro de Belesar: desprazou a máis de 1.500 persoas que vivían do río e das súas ribeiras, anegou máis de 2.000 hectáreas, 28 aldeas…, e hoxe só ten dous traballadores.

E que ten que ver o que estás a escribir cos incendios? Todo. Pois trátase da mesma política: lograr un rural desertizado no que campen, ademais doutras industrias extractivas e coloniais, as grandes madeireiras, tanto españolas como portuguesas. Os lumes voraces son a consecuencia desa política emanada desde o DOG para o abandono do rural.

Onde está o PP da boina para defender os seus intereses? Que quedou daquela fronte de alcaldes rurais que, no seu día, capitaneou Xosé Cuiña e que se opoñía a moito dos designios e dos intereses de Madrid porque “nos van ao peto e aos votos”, en palabras do político dezao?

Prefiro mil veces o PP dos caciques que o PP das multinacionais. Houbo un tempo que até quixen crer nas palabras que un día me dixo Vitorino Núñez: “o problema que temos agora no PP é que hai moita xente que pensa que o rural é un atraso e aí métennos tamén aos políticos da boina”.
Se non estiveran os intereses económicos detrás, lembrado Vitorino…!

Pero o certo é que sen esa agrofóbia, o PP non podería realizar a política que está a facer. En primeiro lugar porque non gañaría as eleccións e, en segundo, porque a sociedade se opoñería a esa eutanasia indolora que lle veñen aplicando desde hai lustros.

Aos galegos fáltanos autoestima e sóbranos coraxe. Enfrontámonos a peito descuberto as desgrazas como ninguén e, logo, mansiños, votamos aos que as propician.

 

Afonso Eiré é xornalista e colaborador habitual de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar