Nova tempada, hoxe, de “Pazo de familia” na TVG

Logo de dous anos en París, Emilio e Eva volven a Galicia para facerse cargo da adega. Este é o punto de partida da nova temporada de “Pazo de Familia”, que volve esta noite á Televisión de Galicia e que promete máis tensión e intrigas ca nunca. O enfrontamento de Emilio e Suevia polo control da empresa vinícola, e coa súa nai polas graves ofensas do pasado, non tarda en producirse.

Despois de vivir tempos difíciles, os negocios dos Pardo Veiga por fin logran prosperar. A súa sociedade cos Moure vai vento en popa, cando menos no eido económico; no persoal, as relacións con Suevia van de mal en peor, sobre todo a raíz da voda entre Emilio e Eva.

Na adega de “Pazo de Familia” tamén traballa Nino, que tras os acontecementos da tempada anterior (o divorcio de Mónica e a entrada en prisión de César) atopou refuxio no xogo: aposta moito e a crédito. Pero aínda haberá algo máis sorprendente, xa que Nino atopará apoio nunha das mais grandes inimigas dos Pardo-Veiga: Suevia.

Por outro lado, os seguidores da serie atoparán a Mónica convertida nunha xuíza estrela contra o narcotráfico. Nestes tres últimos anos, a súa carreira profesional e a súa vida persoal deron un paso adiante. Está casada con Andrade, a quen ama e con quen trata de ter un fillo. A felicidade da parella contrasta coa tristeza de Nino, que continúa namorado de Mónica e non é capaz de esquecela.

Agora ela está entregada á loita contra as mafias. Esa cruzada ten por obxectivo o máis perigoso dos capos: Rogelio, o Panameño, que sobreviviu ao seu último encontro cos Pardo Veiga. Desde aquela, a súa carreira criminal non fixo máis que prosperar. Mónica vese na obriga de propoñerlle un pacto a Carlos para conseguir información sobre o Panameño, que encabeza a mafia da droga en Galicia. Pero desde o cárcere, Carlos pode ser aínda máis ruín do que adoitaba.

Estes anos pasados foron difíciles para Leonor. Por un lado, séntese rexeitada pola súa familia. Lévase mal coa súa nora, Claudia e Emilio case non lle falan e Sara é a única no pazo que escoita as súas cuítas. Por outro, a súa peor inimiga -e medio irmá-, Suevia Moure, entrou de novo na súa vida a través da adega. Comeza aquí unha guerra entre dúas mulleres, onde as puñaladas trapeiras son o pan de cada día. E Emilio está no medio desa guerra.

Mentres tanto, chega ao pazo unha nova asistenta para substituír a Rita. Sendo como é Marisiña, é normal que a vexa coma unha ameaza. Pero, neste caso, pode que ela e Tomaso teñan motivos reais para desconfiar.

QUÉROTE TANTO

Televisión de Galicia estrea esta noite o programa Quérote Tanto, un formato de entretemento presentado por Lucía Pérez e a actriz Arantxa Treus, en que os protagonistas serán persoas anónimas con historias vitalistas e cheas de emoción polas que levarán unha homenaxe sincera e emotiva.

Cada semana, Lucía Pérez percorrerá Galicia para presentarlles aos espectadores galegos unha historia tenra, emotiva, vitalista e, sobre todo, optimista, que terá tras de si unha personaxe única e ben querida pola súa contorna de amigos, familiares ou compañeiros máis próximos.

As historias de “Quérote Tanto” comezarán sempre por encargo. Serán os membros da contorna máis próxima do homenaxeado os que se converterán nos “ganchos” do programa. A través destes cómplices, os espectadores coñecerán as vidas e as historias dos protagonistas, un retrato inicial que servirá para pór en marcha todo o equipo de “Quérote Tanto” e poder realizar a merecida homenaxe de agradecemento.

Por outro lado, en cada entrega do programa, os espectadores da Televisión de Galicia verán outras historias en O Recuncho de Quérote Tanto, unha sección independente da homenaxe principal, pero apoiada no mesmo universo de sentimentos do resto do programa. Serán pequenas historias de amor ou amizade localizadas nun bar cheo de cámaras ocultas. Arantxa Treus fará de “fada madriña” para que se leven a cabo estas declaracións de sentimentos cara alguén.

Cámaras ocultas

Un dos maiores atractivos do programa serán as cámaras ocultas que se farán aos protagonistas de cada entrega. Deste xeito, “Quérote Tanto” pretende fomentar no espectador o suspense e a tensión. Os espectadores vivirán con interese o desenvolvemento da historia sabendo que o verdadeiramente importante vén despois.

En todo momento a

Primeiro Programa

No primeiro programa de “Quérote Tanto”, os espectadores coñecerán a historia de Manuel Reimóndez, adestrador do equipo de fútbol sala feminino Futsal A Gaiola. Manuel leva media vida loitando polo fútbol sala feminino e a igualdade no deporte. O seu labor como adestrador e a complicidade coas rapazas do equipo é tal que as vai buscar á casa para os partidos e implícase na súa formación persoal e académica.

A comezos deste ano e en pleno proceso de recuperación dunha operación, Manu recibe a nova de que unha das súas xogadoras sufriu un gravísimo accidente. Manu decide estar aí con ela e a súa familia, servindo de apoio en todo momento. Por todo isto, as cámaras de “Quérote Tanto” e Lucía Perez converteranse no cómplice perfecto para que hoxe Manu reciba a merecida homenaxe que lle farán as súas xogadoras, familiares e amigos.

Na sección de “O Recuncho de Quérote Tanto”, Arantxa Treus abrirá por primeira vez as portas do bar das sorpresas para recibir a Sergio, que chega ao “Recuncho” co fin de homenaxear o seu avó.

A REVISTA

A Revista” introducirá hoxe á audiencia nunha aldea de conto ao viaxar ata a parroquia de San Clodio, en Outeiro de Rei. O magazine amosará a curiosa iniciativa que tivo un veciño do lugar, José Ramón Rodríguez, enxeñeiro de profesión que rexenta unha explotación gandeira, para poñer bonito o medio rural. Coa súa imaxinación e coa axuda dun neno elaborou con material reciclado distintas pezas, como señais, vehículos ou mesmo un autobús en que viaxan varias formigas.

O programa achegarase tamén en directo ata o embalse de Belesar, a menos do 25% da súa capacidade, para amosarlles aos espectadores como volve emerxer pola seca o asentamento de Castro Candaz.

Xa no estudio de “A Revista”, Sevi Martínez conversará con Lucía Pérez e a actriz Arantxa Treus, as presentadoras de “Quérote Tanto”, novo programa que a TVG estreará hoxe en horario de noite. En cada entrega, o programa percorrerá Galicia para presentarlles aos espectadores galegos unha historia tenra, emotiva, vitalista e, sobre todo, optimista, que terá tras de si unha personaxe única e ben querida pola súa contorna de amigos, familiares ou compañeiros máis próximos.

MINUTADO do 30/10/2017 da Televisión de Galicia

08:00

BOS DÍAS

Presentan Ana Pérez e Francisco L. Iglesias, coa información deportiva a cargo de Terio Carrera. En ‘A Entrevista’ estará hoxe Encarnación Bouza, coordinadora autonómica de transplantes de Galicia. No faladoiro intervirán os xornalistas José Luis Jiménez e José Luis Gómez e os analistas políticos Xesús Veiga e Roberto L. Blanco Valdés.

11:00

A COCIÑA DE ANDRÉ “Salmón gratinado con tapenade e crema de dátiles”

Un espazo diario de gastronomía presentado polo chef André, que propón en cada intervención receitas doadas de realizar, que sorprenderán polo seu sabor e atractivo.

11:30

O FARO Cap. 283

Serie.

12:30

A REVISTA

Presenta Sevi Martínez. Inclúe “Adiantos Informativos”.

13:40

CADA DÍA UN LIBRO

Microespazo divulgativo en que cada día se lle recomenda un libro ao espectador.

13:45

GALICIA NOTICIAS MAÑÁ

Presenta Marga Pazos.

14:25

TELEXORNAL MEDIODÍA

Presenta Marta Darriba. Carlos Macía encárgase da información deportiva.

15:30

ZIG ZAG – ONDE IR HOXE

Axenda cultural galega.

15:35

O TEMPO

15:50

COMA UN ALLO

Presentado por Bernardo Montaña, este programa está baseado na dinámica de preguntas e respostas. Conta co asesoramento de dous expertos colaboradores: a escritora María Canosa e o científico e divulgador Jorge Mira.

16:25

TI VERÁS

Concurso presentado por Rodrigo Vázquez en que cada día unha parella de concursantes opta a gañar un premio de ata 50.000 euros.

17:30

GALEGOS NO MUNDO “Córdoba”

18:30

QUE CASAS

As vivendas máis fascinantes, singulares e orixinais de Galicia pasarán pola pantalla da TVG con este programa.

20:20

INFORMACIÓNS ESTADO DO MAR SERÁN

20:30

TELEXORNAL SERÁN

Presentan Alfonso Hermida e Tati Moyano. Miguel Gallego encárgase da información deportiva.

21:55

O TEMPO

22:05

AVANCE SERIES G

22:20

PAZO DE FAMILIA

Serie. Hoxe, a loita pola adega marca o comezo da nova tempada da serie. Mónica, convertida na xuíza estrela contra o narcotráfico, terá que pactar con Carlos para conseguir información sobre o xefe da mafia da droga en Galicia.

23:30

QUÉROTE TANTO

Presentado por Lucía Pérez e Arantxa Treus, homenaxeará persoas anónimas con historias cheas de emoción. Con este formato, o espectador terá cada semana diante de si unha proposta optimista, vitalista e emotiva cunha personaxe única e ben querida pola súa contorna. Hoxe, os espectadores coñecerán a historia de Manuel Reimóndez, adestrador do equipo de fútbol sala feminino Futsal A Gaiola, e a Sergio, que chega ao “Recuncho” co fin de homenaxear o seu avó.

00:40

TELEXORNAL NOITE

00:55

QUE CASAS (Rep.)

As vivendas máis fascinantes, singulares e orixinais de Galicia pasarán pola pantalla da TVG con este programa.

02:30

O TEMPO

02:35

POLO CAMIÑO DA FE (Rep.)

02:50

MAR DE FONDO

02:55

VIVIR O MAR

03:25

NOITE DE JAZZ

Uns minutos de jazz para gozar na Galega.

04:15

SONS NA NOITE

Pezas mestras da música clásica universal.

04:40

TI VERÁS (Rep.)

05:35

GALEGOS NO MUNDO “Córdoba” (Rep.)

06:30

A REVISTA (Rep.)

07:30

ZIGZAG

Programa que lles achega aos espectadores galegos toda a actualidade cultural. Presenta Pilar G. Rego.

07:55

INFORMACIÓN ESTADO DO MAR MAÑÁ

 

 

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar