O Museo do Pobo Galego, protagonista da revista Raigame da Deputación de Ourense

A Deputación de Ourense presentou hoxe o nº 41 da revista de arte, cultura e tradición popular Raigame, que edita a institución provincial por medio do Centro de Cultura Popular “Xaquín Lorenzo”. A publicación é un monográfico sobre o Museo do Pobo Galego, “unha institución absolutamente necesaria” para a nosa historia, cultura e etnografía, como a definiu hoxe o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar no acto de presentación –no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”- lembrando que o museo “cumpre este ano o seu 40 aniversario” e subliñando que o primeiro presidente do seu padroado foi o etnógrafo ourensán Xaquín Lorenzo, “cuxo nome leva o Centro de Cultura Popular da Deputación de Ourense”.

A publicación recolle en 120 páxinas artigos, traballos de análise e investigación, que achegan unha parte substantiva da historia do Museo do Pobo Galego e da súa proxección, analizando a súa traxectoria, arquivos e coleccións. “Raigame –afirma Manuel Baltar- é unha das grandes apostas da Deputación de Ourense a prol da nosa autoidentificación e un realce da nosa etnografía, porque a tradición cultural nin se vende nin se compra, ou se ten ou non se ten”, expresou Manuel Baltar

Xulio Fernández destacou a vinculación existente entre a Deputación de Ourense, o Centro de Cultura Popular “Xaquín Lorenzo” e o Museo do Pobo Galego afirmando que en 1977, cando se crea o Museo do Pobo Galego, “nace tamén o colectivo Castro Floxo, o cal ao longo dos anos estivo a traballar na investigación da danza e da música. Estas dúas entidades coincidirán na figura de Xaquín Lorenzo, a quen se lle dedicou o Día das Letras Galegas no ano 2004, ano no que a Deputación de Ourense creou o Centro de Cultura Popular “Xaquín Lorenzo”.

Clodio González fixo un repaso polos traballos da publicación, vencellados principalmente á provincia de Ourense, con achegas de Fariña Busto, Fátima Braña, Carlos García, María José Fernández, Ana Mateos, Rosa Méndez, Conepción Losada, manuel Villar, Dorothé Schubarth, Clodio González, Manuel Caamaño e Xosé Carlos Sierra. Os temas que analizan refírense ás orixes do Museo do Pobo Galego, á figura de Xaquín Lorenzo, ao patrimonio oral do museo, á provincia de Ourense na colección cartográfica do museo (1763 a 1936), ás construcións populares, e á etnografía referida á cultura do viño en Galicia.

Francisco Fariña agradeceu á Deputación de Ourense que dedicase un monográfico ao museo, “que naceu como un valor institucional para recuperar o patrimonio que estaba en risco de perderse”. “As transformación do mundo galego non son tan recentes –explicou-, producíronse xa nos anos 30, e nos anos 70 existían elementos que estaban fóra da realidade. Por elo, o museo procurou recuperalos para que a xente os comprendera e entendera que a vida de xeito tradicional existía pero estaba mudando”.

A tirada desta edición é de 700 exemplares, que serán distribuídos gratuitamente entre bibliotecas, centros educativos, concellos, museos e entidades de interese cultural.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar