Décima edición do Festival Internacional de Xadrez de Ourense

O Festival Internacional de Xadrez “Cidade de Ourense” cumpre o seu 10º aniversario. Baixo o lema “Deporte e Ciencia para a Xuventude”, celebrarase en Expourense o vindeiro domingo 29 de outubro. O evento será unha das últimas probas puntuables para o Circuíto Galego 2017 (Proba oficial da Federación Galega de Xadrez), e como ven sendo habitual nos últimos anos, a proba máis participativa de todas cantas se realizan na nosa autonomía pertencentes a este circuito destinado a xoves xadrecistas de entre 6 e 18 anos.

Este festival foi presentado esta mañá no Salón Nobre do Concello de Ourense nun acto no que participaron o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; o concelleiro de Deportes, Mario Guede; o presidente do Club Xadrez Ourense, Elías González; a secretaria do Clube Xadres Ourense, Graciela Gómez; e a directora adxunta de Expourense, Emma González. Todos eles coincidiron en destacar a potencialidade de Ourense como canteira de grandes xadrecistas.

O presidente do Clube Xadrez Ourense fixo referencia a que “as instalacións de Expourense, polas súas condicións de espazo, luminosidade, medios técnicos, infraestrutura e mobiliario, acceso ás súas instalacións e ubicación, constitúe un dos mellores e máis recoñecidos emprazamentos a nivel autonómico para o desenvolvemento de probas deportivas desta índole, como así foi recoñecido pola propia Federación Galega de Xadrez en múltiples ocasións”.

O principal obxectivo deste festival de xadrez é estimular a convivencia de rapaces de diferentes idades, categorías e lugares de orixe, durante unha xornada deportiva, lúdica e de marcada índole formativa para os máis novos. Organizado polo Club Deportivo Xadrez Ourense, a décima edición deste Festival contará cuns 300 participantes de entre 6 e 18 anos, escolares e federados procedentes de toda a provincia de Ourense, resto de Galicia, e tamén de Castela e León e Portugal. Destes 300, maís de 50 xogadores teñen xa rango internacional e veñen de gañar ou obter podio en importantes probas a nivel nacional e internacional como é o caso de Xacobe Conde, Martín Gómezs ou dos irmáns Pura e Benjamín Diéguez.

Estes participantes pertencen a diferentes clubes, entre eles os máis destacados do panorama local, provincial e autonómico e tamén do norte de Portugal: Clube Deportivo Xadrez Ourense, Liceo de Ourense, Universidade de Ourense, Xadrez Celanova, Xadrez Verín, Fontecarmoa de Vilagarcía de Arousa, Círculo Ferrolán, Círculo Chantadino de Xadrez, Ben-cho-sei de Pereiro de Aguiar, entre outros. Haberá unha importante afluencia de xogadores lusos que pertencen a diferentes clubes, como a Escola Xadrez Porto, Xadrez Mirandela, Pedras Salgadas, Didaxis, e Rebordochao.

O evento contará coa participación de numerosos deportistas con ránking internacional, feito que, unido á calidade dos premios e á cantidade dos deportistas reunidos, convertirá a esta cita ourensá nunha das máis consolidadas e concorridas do calendario anual galego.

CATEGORÍAS

Os participantes estarán divididos en 5 categorías (Sub-18, Sub-14, Sub-12, Sub-10, e Sub-8). Todos os mozos e mozas que tomen parte na proba recibirán un trofeo conmemorativo, ademais de participar en múltiples sorteos de material deportivo, electrónico e formativo preparados pola organización.

Participarán neste festival os xogadores nacidos dende o ano 1999 en adiante. A competición xogarase polo Sistema Suízo a 7 roldas e os emparellamentos serán confeccionados cos programas habituais. Obterán trofeos especiais os cinco primeiros clasificados de cada categoría. A dirección técnica e arbitraxes correrán a cargo de xuíces principais e auxiliares con titulación en vigor tanto da Federación Galega como da Federación Española, garantes dun correcto desenvolvemento desta importante xornada deportiva. A entrega de premios será a partir das 19.15h. do domingo.

Todos aqueles que desexen participar neste torneo aínda poden inscribirse ata o venres día 27 de outubro ás 22.00 horas. A inscrición é gratuíta e pode facerse a través do envío dun mail a traxerxadrez@hotmail.com. A información completa e as últimas novidades sobre este torneo poden atoparse na páxina web www.xadrezourense.com

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar