‘Astúrica’, o comercio e a cultura maragata

Hai algo máis que unha vella relación de ida e volta con Astúrica , Astorga: cidade murada e aberta que está na mesma cerna da constitución romana da Gallaecia en tempos de Augusto, despois de rematar as guerras romanas no noroeste ibérico, con cántabros, astures e galaicos. Aconteceu dende o ano 19 antes da nosa era, para constituír unha Gallaecia que sería base e raiceira do reino suevo e no medievo do reino galaico leonés, tan ansioso de imperios. Aquela Gallaecia repartíase en tres conventos xurídicos, dos que aínda están por precisar os seus lindeiros: Brácara, Lucus e Austúrica, triangulación xeostratéxica, encrucillada, vértice, fundamental pra conquista e negocios con Britania, a través dos portos, como o dos lucenses, Brigantium e Xixón, este dos asturicenses, onde segundo a arqueoloxía e a tabula Lougeiorum aparecida no monte Cido do Caurel, convento astur, se sitúan as Aras de Augusto… O futuro irá desenguedellando este mapa orixinario.

Relacións con Astorga, avivadas por eses glóbulos roxos da circulación empresarial e cultural que foron os mercator, os maragatos, mestres maiores da arrieiría, coñecedores dos camiños, das súas pedras, valgadas e mesmo dos seus trasnos… dos remedios para saúde, dos xeitos de conservar os produtos da terra e do mar… Viaxeiros de norte a sur, de este a oeste, cos que tamén viaxan saberes e palabras que os definen. Herdeiros e transmisores de saberes das comunidades de primeiros cristiáns, homiños santos, asentados baixo os montes de Penalba, dos Aquianos, Compludo e o sacro Teleno, o Val do Silencio e as Ribeiras Sacras… patria de Exeria, de Valerio, de Xenadio e doutros coñecedores da misión e das doutrinas da Tebaida, de Antioquía… Dende o século VIII, os islámicos, teimudos co mandamento da Yihad, da súa expansión, miraban de esguello a este norte, á Jalikia e aos seus temidos inimigos aqueles “pelaios” ou “paios”, “perros gallegos”, monarcas que usan como lábaro a cruz, capaces de inventar ou conseguir para afervoar as reliquias dos máis santos dos santos, do íntimo de Cristo, Santiago, o Grial… reis iniciadores do I Reich (imperio romano xermánico) europeo, emperadores que, ao cabo do tempo, mesmo atoparan sepultura de Toledo para abaixo.

Astorga merece máis que un día para comezar a enxergar tanta fondura e compre facelo como galegos: furar polo seu recinto romano, coñecer no mesmo centro da cidade a Ergástula, edificación abovedada, quizais unha cadea, hoxe museo, no que se nos ambienta coa suxestión dun modélico audiovisual, inspirado nos epígrafes dunha lápidas funerarias inscritas en grego e latín, aparecidas na mesma cidade, relativas a unha moza, a un mozo e a un adiviño. Argumento que sirve para sensibilizarnos sobre a orixe e a evolución romana da cidade. Museo romano, onde se constata a presencia de Xosé María Luengo, astorgano, veciño da Coruña creador do Museo Arqueolóxico de San Antón, investigador do Castro de Elviña, do cemiterio romano da rúa Real, do Castro de Baroña, do Castelo de Aranga… e do que nunca deberamos perder memoria. Luengo era sobriño de Andrés Martínez Salazar, outro astorgano, figura importante no rexurdimento, apoio fundamental para Manuel Murguía en momentos de soidade que tamén deron orixe á Academia Galega. Martínez Salazar foi orixe dunha saga transcendental na Coruña, pai de Martínez Morás, que a súa vez, casado este coa pedagoga María Barbeito foron pais de Carlos Martínez Barbeito, polígrafo imprescindible. Como tamén o foi en Ourense Marcelo Macías, filósofo, humanista, mestre de Otero Pedrayo, de Risco… e tantos apelidos de empresarios maragatos espallados polo mapamundi: Carro, Nieto, Salvadores, Cordero, Ramos, Alonso…

Astorga recende a chocolate, nela o Museo do Chocolate naceu por obra, gracia, saber e constancia de Luis López, vello amigo da Coruña. Legado que puxo en mans do concello da súa cidade. Faise imprescindible a visita a este centro, con tantas raiceiras galegas, como as da saga dos chocolateiros e artistas, os Granell. Pois campa sobre o corazón de Astorga a mansión dos Granell, de carácter modernista, antolóxica dun tempo de indianos, cacao e tabaco, semellante á casa dos Morenos de Ribadeo, quizais do mesmo arquitecto, Julián García Núñez, edificios como cofres pra misterios e pantasmas, pra señores con leontina, criadas de cofia e nenos de encaixes amidonados.

Astorga, á forza, trae lembranzas daquel tren “changai” camiño de Barcelona ou de Madrid, o que aproveitou Concha Espina para a súa novela La Esfinge Maragata. Enferruxadas “saritas” que entre asubíos e traca-tracas, arrolaban e transportaban nostalxias de segadores, emigrantes, estudantes, políticos e artistas ansiosos de ser… cavilares interrompidos polo pregón, o recendo e o sabor de “la rica mantecadaaaaaa de astorgaaa”. Foi o ferrocarril o que puxo no brete á arrieiría maragata e con ela a trama das empresas de “Diligencias del Poniente de España” e con elas fondas de orixe maragato arredor das paradas, nas prazas maiores de vilas e cidades. No Museo de la Arriería Ventura Alonso de Santigomillas atoparemos anacos desta historia, onde Galiza e a Coruña teñen o seu protagonismo

Astorga, envolta en nostalxia de vella Vetusta, con rúas que van da Catedral ao Concello e do Concello á Catedral, palacio episcopal por medio, ese soño de Gaudí que semella ser templo para as esencias dos camiños. Por algo é Museo dos Camiños, onde un non sabe pra onde mirar, si pra o contido, obxectos litúrxicos, imaxes medievais ou pro continente, o soño que lle encarga a Antonio Gaudí o bispo catalán Grau, reclamo para xaponeses.

A carón a catedral de Astoga, lección de artes, de historia e máis haberá baixo as súas cimentacións; romanas, o florecer medieval, o renacemento de Rodrigo Gil de Hontañón, o barroco… e coroando a cabeceira, mandando sobre a paraxe, a figura de bronce de Pedro Mato, o arrieiro que calza bragas até os xeonllos e como chaqueta o armillo, sobre a cabeza o sombreiro de ala ao horizonte, modelo de ser e de vestir que se levará ás pampas arxentinas pra facerse gauchos. Dentro, no altar o retablo renacentista de Gaspar Becerra, homenaxe ao viacrucis, non podía ser doutro xeito… O Museo Diocesano, no que atoparemos unhas predelas que fan relación á traslatio do Apóstolo Santiago polos camiños de Iria e as conversas coa Raíña Lupa… Museo na que se sinte a presencia de quen foi a súa alma mater, Augusto Quintana, estudoso do Val do Silencio, do Tombo Vello do Mosteiro de San Pedro de Montes, con textos en latín, galego e castelán vello pouco diferenciado do galego… Os colares maragatos coas súas doas de vidro, oculadas, estilo púnico, prata e filigrana, cargados de cruces, amuletos, dixes, corazóns, que recordan os ibicencos…suma de saberes aprendidos e tomados pola rosa dos ventos dos camiños.

E cara ao Teleno, cantado polo poeta maldito Leopoldo Panero, o do El desencanto, o Val de San Lorenzo, das mantas raiadas de la, imprescindibles pros cabalos e mulas dos arrieiros, e nesa chaira de aciñeiras e carballos, con arrecendo a tomiño, propias terras da maragatería con capital en Santa Cristina de la Somoza, casas muradas, de porta ancha, teitadas de tradicións. Parada e fonda obrigatoria pra tomar un competente coido en Castrillo de los Polvazares: tortilla con felecho de carne, lacón, capón, chourizos, touciño… caldo pra harmonizar e pra rematar natillas, café e un dedal de augardente… O camiño pídeo… e sigue.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar