O turismo internacional gaña cota de mercado en Galicia

O turismo internacional está a gañar nos últimos meses cota de mercado en Galicia, ata chegar a supoñer xa case catro de cada dez viaxeiros aloxados durante o mes de setembro, unha cifra nunca antes alcanzada neste mes. Así se desprende da Enquisa de Ocupación Hoteleira feita pública hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE), referida ao mes de setembro e ao acumulado de todo o ano.

No mes de setembro rexistrouse un moi bo comportamento dos tres grandes segmentos do mercado, con subas do 3,4% entre os turistas de Galicia, de máis do 4% no caso do mercado nacional e de máis do 8% no mercado internacional, que rexistrou novos máximos históricos. De feito, o turismo internacional mantivo a senda positiva dos últimos meses, elevando o peso deste mercado ao 38,5% do total dos viaxeiros aloxados e ao 30,3% das pernoitas, porcentaxes nunca antes rexistradas na nosa Comunidade neste mes.

Os viaxeiros ficaron tamén máis tempo en Galicia, xa que subiu a estadía media nos hoteis e pensións de Galicia durante ese mes, en máis dun 3%. Un dato que, xunto co incremento das cifras de demanda, os niveis de ocupación -que subiron máis de tres puntos- e o incremento dos prezos hoteleiros, tamén posibilitou unha mellora nos niveis de rendibilidade no sector en relación ao mesmo período de 2016.

Máis de 7 millóns de pernoitas

No que se refire ao conxunto do ano, os datos do INE indican que os establecementos hoteleiros galegos recibiron máis de 3,6 millóns de viaxeiros e algo máis de 7 millóns de pernoitas. Trátase esta última dunha cifra que supón un máximo histórico na nosa Comunidade, xa que nunca antes se superara a barreira dos sete millóns de pernoitas nos nove primeiros meses do ano.

Esta circunstancia permite mellorar os niveis de ocupación en case tres puntos porcentuais, ata situarse en máis do 40% de media neste período. En canto á procedencia dos viaxeiros, nestes primeiros meses do ano novamente o mercado internacional rexistra un importante incremento, mantendo a senda positiva. Supera nun 5% a cifra de viaxeiros aloxados con respecto ao ano pasado e en máis dun 9% o nivel de pernoitas. É o quinto ano consecutivo no que o mercado internacional medra nos primeiros nove meses do ano.

Os datos feitos públicos hoxe constatan o cumprimento dos obxectivos que a Xunta de Galicia e o sector turístico se marcan dentro da Estratexia do turismo de Galicia 2020 na que se traballa para que o crecemento responsable dos viaxeiros veña da man do mercado internacional co obxectivo de que poidan supoñer un terzo dos viaxeiros totais.

Deseñada conxuntamente co sector, a folla de ruta do turismo galego está a afondar nun modelo turístico baseado na calidade e a sustentabilidade. Consolida Galicia como destino competitivo e referente do turismo tranquilo que aposta polos seus recursos propios como valor diferenciador. Ademais, a Estratexia do turismo de Galicia 2020 está a contribuír a especializar e diversificar a oferta e, ao mesmo tempo, permite desestacionalizar a demanda turística ao longo de todo o ano.

Aos datos coñecidos hoxe sumaranse a vindeira semana os datos da Enquisa de Ocupación Extrahoteleira do INE, que inclúe o resto de modalidades de aloxamento regrado.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar