22 edición do OUFF, Festival de Cine Cidade de Ourense

 

Nesta 22ª edición, o Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF) pon en valor co Premio Cidade de Ourense o traballo de Cinema en Curso, a iniciativa educativa que Núria Aidelman e Laia Colell iniciaron hai xa máis dunha década. “É especialmente significativo para nós que sexa o premio dunha cidade”, declarou Laia Colell despois de ter recibido o galardón no Liceo de Ourense de mans do alcalde Jesús Vázquez.

“O noso proxecto ten o afán de que os nenos descubran e amen o cine, pero tamén o de crear espectadores e cidadáns sensibles, capaces de coñecer, recoñecer e apreciar realidades diversas”. Vázquez destacou precisamente a labor de formación de espectadores sensibles e autónomos que Cinema en Curso leva a cabo, pondo en relación o proxecto co certame OUFF Escola. Ademais, desexoulles “que a súa labor e esperanza no futuro siga xerminando cada vez máis, contando historias a través do cine”.

Núria Aidelman destacou os puntos en común de Cinema en Curso cos festivais de cine, xa que ambos comparten “o amor polo cine; o amor por compartir en comunidade”, e quixo celebrar a confianza de todas as persoas que colaboraron coa iniciativa. Cinema en curso iniciouse en 2005 en Cataluña, pero actualmente desenvólvese tamén en Galicia, Madrid, Euskadi, Arxentina, Chile e Alemaña coa colaboración de centos de estudantes, cineastas e docentes, eloxiados especialmente por Aidelman, que considera o seu traballo “menos celebrado do necesario”.

Ademais de Colell e Aidelman, tres cineastas que colaboraron con Cinema en Curso interviñeron na entrega de premios. O galego Ángel Santos falou da experiencia como a dunha viaxe compartida explicando que “os cineastas somos os primeiros que estamos aprendendo. Son mellor cineasta dende que estou en Cinema en Curso”. Carla Simón, candidata por España aos Oscar de 2017, dixo nun video enviado á organización que o premio era “un recoñecemento merecido para un proxecto cunha capacidade brutal de transformación da nosa sociedade”. Por último, Jonás Trueba -tamén a través dun vídeo que preparou para a ocasión- tildou a iniciativa de “revolucionaria” e declarou que para el supuxo “un antes e un despois como persoa, xa que cambia a túa maneira de pensar as relacións humanas, o cinema e a educación”.

O anterior Premio Cidade de Ourense, Oliver Laxe, estivo tamén presente no 22º OUFF para compartir co público do festival as primeiras imaxes do seu novo proxecto, Aquilo que arde. O filme narrará a historia dun pirómano condenado que volve á súa casa nos Ancares logo de saír de prisión, pero a metraxe que Laxe proxectou no Liceo foi descrita por el como unha sorte de “caderno de notas”, gravada acompañando o pasado verán a brigadas de extinción de incendios do distrito XII Miño-A Arnoia.

A vaga de incendios deste mes de outubro estivo presente nas declaracións de Laxe: “Estes días recibo mensaxes nas que me din “Que ben, que película máis pertinente, máis necesaria. Esperamos que o filme estea á altura do noso sufrimento”. A miña reacción é de medo, porque estar á altura do que unha sociedade pide é moito”. Ao explicar a súa experiencia coas brigadas, o cineasta destacou a problemática de filmar o lume: “O lume é unha das cousas máis cinematográficas que hai. A tensión está en non estilizar demasiado o lume. Tentamos harmonizar a tensión entre a figura humana e a natureza”.

Laxe declarou tamén a intención de introducir nun futuro próximo aos actores en situacións de lume real. Aquilo que arde será a terceira longametraxe do director galego.


© 2011 Galega de Comunicación e Información, S.L.U. - Aviso legal - Contacto