22 edición do Festival de Cine Internacional de Ourense

Presentouse na cidade das Burgas a programación completa da vixésimo segunda edición do Festival de Cine Internacional de Ourense no Centro Cultural José Ángel Valente. Ao acto asistiron Belén Iglesias, concelleira de Cultura e Educación; Jacobo Sutil, director da AGADIC; Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense; Jesús Vázquez Abad, alcalde de Ourense e Fran Gayo, director artístico do OUFF.

A concelleira de Cultura e Educación, Belén Iglesias, amosou a súa ledicia ao poder presentar unha nova edición do festival porque “apoiar o cine é a mellor homenaxe que se lle pode facer ao audiovisual”. Jacobo Sutil explicou que nos atopamos ante unha edición “na que se profundiza nas liñas establecidas xa o ano pasado poñendo o foco no cinema iberoamericano e as óperas primas” facendo un especial fincapé nos catro proxectos nos que a Agadic colabora especialmente: “o III Encontro Profesional de Coprodución Portugal-Galicia, ÁNCORA – I Foro de Posprodución para longametraxes en estado avanzado, o OUFF Escola e as proxeccións que o festival levará a cabo en colaboración do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI)”.

No marco do festival e entre as 77 obras audiovisuais que se proxectarán, o público poderá atopar 15 pezas de directores e directoras galegos como José Manuel Mouriño, Carmen Bellas, Aser Álvarez, Andrés Goteira, Manuel Lógar, Héctor Carré, Sara Casasnovas, Jaione Camborda, Iván Nespereira, Hugo Amoedo, as Also Sisters e Ángel Santos. Arredor desta idea se situou Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, ao alegar que “facer cine en Galicia é posible, pero facer cine en galego é necesario”.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, pola súa banda, puxo sobre a mesa o “salto cualitativo e cuantitativo que dá o Festival de Cine Internacional de Ourense nesta edición”, que xirará “en torno ás raíces de cada un e o concepto de identidade. Porque somos entes vivos: sempre transformándonos, sempre en movemento, como demostra o cartel desta edición”. Vázquez quixo lembrarse tamén das actividades formativas e da creación de novas audiencias xa que “neste eido, temos o OUFF Escola, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, ten o obxectivo de impulsar o uso do idioma galego entre a mocidade e fomentar a creatividade audiovisual e o traballo en equipo. Temos tamén a mocidade traballando nos obradoiros de La Molinera, e entregaremos o Premio Cidade de Ourense a Cinema en curso”.

Esta última idea de diversificar público compartiuna o director do OUFF, Fran Gayo, que falou sobre a intención da organización de “non aumentar o festival no número de filmes, pero si despregalo ante a cidadanía” porque “un festival sen renovación de público o único que fai é envellecer e, co paso do tempo, só pode rematar sendo un festival enfermo”. Ademais, Gayo puntualizou que a Sección Oficial traerá ata Ourense unha competición con 19 filmes que optarán aos premios dentro dunha programación entre a que se atopan pezas procedentes de 23 países de todo o mundo.


© 2011 Galega de Comunicación e Información, S.L.U. - Aviso legal - Contacto