TVG: A cantante Rosa e o gaiteiro Budiño, hoxe no Luar


O programa “Luar” recibe hoxe a visita da cantante granadina Rosa, que lles presentará aos espectadores galegos o seu novo disco, “Kairós”, un paso adiante na súa carreira. Tras cinco anos de silencio, publica un traballo que exalta a superación e está cheo de positividade, un álbum elegante e, sobre todo, sincero, en que se reflicten os seus sentimentos e experiencias persoas, un nu interpretativo da súa alma.

O espazo da TVG tamén ofrecerá este venres a actuación de Budiño, un artista que enraíza a súa música na tradición galega mesturada sutilmente cos sons máis contemporáneos. O gaiteiro moañés levou as súas composicións por todo o planeta, enchendo teatros de público ávido de gozar das súas actuacións. Durante este ano, realizou unha xira polo 20º aniversario de “Paralaia”, o seu mítico álbum debut.

Ademais, pasarán polo escenario a banda de indie pop viguesa Eladio y Los Seres Queridos, que en novembro publicarán o quinto disco da súa carreira, baixo o título “Historias de caza”, un traballo que ten como adianto o sinxelo “Algún iluminado”.

Xosé Ramón Gayoso e María Mera tamén presentarán este venres a Tanto nos Ten, grupo que emprega no seu repertorio músicas e letras propias e do saber popular, retranqueiras, de escarnio e comprometidas co país e que, xunto ás muiñeiras, pasodobres, foliadas, rumbas e outros ritmos, conforman o que denominan “música tradicional furtiva”, coa que tratan de interactuar coa xente e converter nunha festa cada unha das súas intervencións.

Completan o cartel musical desta noite as actuacións de Fol de Veneno, grupo que recupera a música tradicional da Costa da Morte, achegándolle un aire moderno, desenfadado, alegre e festeiro; a orquestra Pontevedra; a A.C. Candaira e a formación Amigos do Acordeón.

Finalmente, na edición desta semana do concurso “Recantos”, será a quenda de Carlos O Pintor, representante da comarca da Arousa, e Ariadna Moore, procedente da Costa da Morte.

A REVISTA

Esta mañá o programa “A Revista” da Televisión de Galicia contará coa visita de Francisco Villasenín, organizador do Outono Codax Festival, o festival galego de música negra, que regresa cun coidado cartel que se traduce en seis exclusivas citas cheas de soul, rock´n roll, blues, swing e boogie. Unha decena de artistas e bandas escollidos entre o máis selecto do actual panorama internacional, estatal e galego do xénero. No magazine tamén estará, xunto ao presentador Sevi Martínez, a escritora María Martínez-Sagrera, autora da novela “Infancias rotas”, que pretende dar as claves para enfrontar un problema social rodeado de falsos mitos: os abusos sexuais a menores, que non sempre van acompañados de contacto físico. Este libro é unha interpelación directa a quen ante a sospeita, ou a certeza, dan as costas ao abuso sexual infantil.

Ademais, os reporteiros do programa achegaranse ata Boiro para estar presentes na estrea da obra teatral “Camiño dos paxaros”, dedicada ao público infantil, é unha historia de superación persoal, contada a través da música e da interpretación, baseada na evolución dun personaxe que debe afrontar a dureza da vida, e loitar para coñecer os seus sentimentos e descubrir cal é o camiño que debe seguir para conseguir a felicidade.

tvG2

ZIGZAG

O mazagine cultural “ZigZag” recibe hoxe no seu estudio de gravación a visita do músico sarriao Abraham Cupeiro para falar do seu novo traballo discográfico que leva por título Os sons esquecidos. Un álbum en que o artista recupera instrumentos esquecidos e reconstruídos por el mesmo, como unha trompeta celta coñecida como ‘karnyx’.

No espazo, que presenta Pilar G. Rego, falarase tamén do “Tempo transfigurado” de Cesáreo Sánchez Iglesias. Xa facía case catro décadas desde que o autor publicara o seu primeiro libro e agora regresa con esta obra que evoca o amor e a súa ausencia. Toda unha aprendizaxe da soidade e un camiño interior desde a nenez ata o confín dos días.

No tempo do “ZigZag” achegaranse tamén as propostas da nova edición do Cortapega, o microfestival de música electrónica que organiza hoxe Desconcerto Cultural en Santiago de Compostela. Con este certame, os organizadores apostan polos valores galegos ao mesmo tempo que achegan artistas emerxentes do ámbito nacional e internacional.

E, coma cada venres, o “ZigZag” proporá unha axenda cultural para a fin de semana coas novidades principais das carteleiras cinematográficas, de concertos e representacións teatrais, entre outras suxestións.

MINUTADO PRENSA

MINUTADO do 20/10/2017 da Televisión de Galicia

08:00

BOS DÍAS

Presentan Ana Pérez e Francisco L. Iglesias, coa información deportiva a cargo de Terio Carrera.

10:55

A COCIÑA DE ANDRÉ Ensalada de cuscús e verduras”

Un espazo diario de gastronomía presentado polo chef André, que propón en cada intervención receitas doadas de realizar, que sorprenderán polo seu sabor e atractivo.

11:25

O FARO Cap. 278

Serie.

12:20

A REVISTA

Presenta Sevi Martínez. Inclúe “Adiantos Informativos”.

13:45

CADA DÍA UN LIBRO

Microespazo divulgativo en que cada día se lle recomenda un libro ao espectador.

13:50

GALICIA NOTICIAS MAÑÁ

Presenta Marga Pazos.

14:25

TELEXORNAL MEDIODÍA

Presenta Marta Darriba. Carlos Macía encárgase da información deportiva.

15:30

ZIGZAG – ONDE IR HOXE

Axenda cultural galega.

15:35

O TEMPO

15:45

COMA UN ALLO

Presentado por Bernardo Montaña, este programa está baseado na dinámica de preguntas e respostas. Conta co asesoramento de dous expertos colaboradores: a escritora María Canosa e o científico e divulgador Jorge Mira.

16:20

TI VERÁS

Concurso presentado por Rodrigo Vázquez en que cada día unha parella de concursantes opta a gañar un premio de ata 50.000 euros.

17:10

GALEGOS NO MUNDO “Manchester”

Unha ollada á realidade de todas aquelas persoas que un día emprenderon unha vida nova noutro país e que agora achegan as súas vivencias desde as cidades máis afastadas e os lugares máis insospeitados, amosados en primeira persoa por galegos singulares.

18:10

QUE CASAS!

As vivendas máis fascinantes, singulares e orixinais de Galicia pasarán pola pantalla da TVG con este programa.

19:55

PEZAS ERA VISTO “Kevin ponse a traballar” – “A enfermidade de don Anselmo”

20:20

INFORMACIÓNS ESTADO DO MAR SERÁN

20:30

TELEXORNAL SERÁN

Presentan Alfonso Hermida e Tati Moyano. Miguel Gallego encárgase da información deportiva.

21:50

O TEMPO

22:00

LUAR

Musical presentado por Xosé Ramón Gayoso. Ofrece humor, concursos e as actuacións máis destacadas da música galega e nacional. Hoxe subiranse ao escenario Rosa, o gaiteiro Budiño, Eladio y Los Seres Queridos, a orquestra Pontevedra e os grupos de música tradicional Fol de Veneno e Tanto nos Ten.

01:30

CASAMOS “A historia de amor de Bea e Toni”

As vodas máis románticas, divertidas, curiosas e entrañables asomaranse co programa “Casamos!”. En cada unha das entregas, os espectadores verán a ilusión de parellas de noivos que deciden celebrar o seu enlace, as particularidades de cada noivado.

02:30

TELEXORNAL NOITE

02:40

QUE CASAS! (Rep.)

03:30

SONS NA NOITE

Pezas mestras da música clásica universal

.

03:40

NOITE DE JAZZ

Uns minutos de jazz para gozar na Galega.

04:40

TI VERÁS (Rep.)

05:30

GALEGOS NO MUNDO “Manchester” (Rep.)

06:20

A REVISTA (Rep.)

07:30

ZIGZAG (Rep.)

Programa que lles achega aos espectadores galegos toda a actualidade cultural. Presenta Pilar G. Rego.


Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar