Preocupados

“Eu estou preocupado por Cataluña. Pois eu por Galiza. Outro raro”. Este é o diálogo que sostén o coñecido personaxe O Carrabouxo, do humorista Xosé Lois, cun paisano. Resume, en poucas palabras, o que está a ocorrer en Galiza: a maioría da cidadanía está preocupada polo procés catalán mentres pasa do que está a acontecer na súa casa.

Si, eu tamén son un deses raros que, na vez de estar miañando polas empresas catalás que, nunha reviravolta propagandística, trasladan as súas ses a outras cidades, estou preocupado polas industrias galegas que batiportaron a Portugal nos últimos cinco anos, levando cara alá a máis de 2.000 empregos.

Queren a súa ladaíña: Cupa, Antolín, Benteler, Cablerías, Copo, GKN, Hispanomoldes, Marsan, Viza, Faurencia, Continental, Bosh… Amén.

Estou preocupado porque o fillo de Xulio de Coruxo gañaba aquí 1.600 euros ao mes e, agora, no polígono de Monçao, só gaña 800, con horas extraordinarias incluídas. E, coma el, moitos traballadores do sur de Galiza que tiveron que “deslocalizarse” a Portugal.

Estou preocupado porque Fenosa se afincase en Cataluña, o Pastor en Madrid, a Caixa non se sabe onde, as fundacións principais de Galiza non teñan case financiamento, Citroën tribute e teña a sede na capital de España, como Endesa, Ence e demais empresas extractivas. Porque desfixesen Pescanova e o sector conserveiro e dos estaleiros caese en mans de capital foráneo.

Estou preocupado porque ao noso goberno todo isto non semelle preocuparlle. Estou preocupado porque se está cociñando un novo pacto de Estado no que Galiza vai quedar absolutamente relegada, porque non ten voz nin capacidade de presión.

Estou preocupado porque xa hai dúas Constitucións novas redactadas e porque Galiza vai quedar sen autonomía e co seu financiamento dependendo totalmente do Estado.

Estou preocupado porque vexo a unha forza como En Marea estar cos ollos máis en España que en Galiza, coma se expulsando a Raxoi se rematasen os nosos problemas. Estou preocupado porque o seu voceiro, o señor Villares, afirmase que non lle preocupa o dereito de autodeterminación para Galiza.

Estou preocupado polo rexurdir fascista, porque hai moitos que o son, e obran en consecuencia, e nen sequera o saben.

Estou preocupado porque o BNG presentou as Bases democráticas e non vin que os movementos sociais tomasen postura e quixesen, polo menos, comezar un debate.

Estou preocupado porque non temos un Goberno galego de tal nome, porque vivimos nunha sociedade acomplexada e colonizada que reacciona as arroutadas e logo esquece o feito, coma se non pasase nada.

Estou preocupado porque son un “deses galegos raros”.

 

Afonso Eiré é xornalista e colaborador habitual de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar