Manuel Baltar recibe aos directivos da peña madridista “Miguel Ángel”

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu no Pazo Provincial ao presidente da peña madridista “Miguel Ángel”, de Ourense, Emilio Gómez-Casasnovas, acompañado dos membros deste colectivo José Luis Rodríguez e José Garrote, con que analizou aspectos deportivos e históricos relacionados con Ourense e coa figura do exfutbolista do Real Madrid, Miguel Ángel, quen vén de ser recoñecido co VII Premio “Ourensanía”, un galardón que recibirá o vindeiro 11 de novembro e que concede a Deputación de Ourense como recoñecemento honorífico a aqueles ourensáns ou persoas vinculadas á provincia de Ourense que teñen destacado nas súas facetas profesionais, sociais ou intelectuais.

Manuel Baltar felicitou á peña “Miguel Ángel” polo labor que desenvolve desde 1978 “para difundir os valores dun dos máis importantes deportistas da provincia de Ourense”. Precisamente, o xurado do Premio Ourensanía ditaminou concederlle o galardón a Miguel Ángel, o lenxendario porteiro do Real Madrid entre 1968 e 1986, “por ser un dos deportistas ourensáns que máis altas cotas de recoñecemento acadou como compoñente dalgunhas das formacións madridistas que forman parte da historia do fútbol español, chegando a participar como porteiro titular da Selección Española no campionato mundial de fútbol de Arxentina de 1978”, segundo recolle a acta do xurado.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar