A alcaldesa de Lugo e o rexedor ferrolá expresan vontade de cooperación

Como vén sendo habitual, os festexos do San Froilán dedicaron a xornada deste sábado ao Día de Ferrol. A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o rexedor ferrolá, Jorge Suárez, presidiron os actos conmemorativos, que arrincaron coa tradicional recepción á corporación e á veciñanza da cidade departamental na Casa Consistorial, seguida dunha comida de confraternidade nas casetas do polbo. Na recepción participaron, así mesmo, veciños e veciñas de Lugo e un integrante do colexio lugués de arquitectos, irmandando co ferrolá.

Durante a recepción, a alcaldesa lembrou o irmandamento formal entre as dúas cidades, “de fai relativamente pouco”, uns 17 anos, pero cun vínculo de moitos anos, “e moitos máis perdurará, porque cando hai unha boa cimentación, unha boa base e unha boa estrutura as cousas perduran no tempo, como este irmandamento”.

Lara Méndez aludiu á defensa do municipalismo por enriba de todo, que comparten tanto a cidade luguesa como a ferrolá, e ao labor dos goberno locais para tentar solventar as dificultades que afectan directamente aos veciños e veciñas.

No Día de Ferrol, a rexedora tamén tivo palabras de felicitación para Suárez pola consecución de fondos europeos nun proxecto compartido con Narón, “fondos tan importantes para o desenvolvemento dun concello, que ademais definen un modelo de cidade e estratexias para darlle solución ás peticións da veciñanza”. Na liña de cooperación, Méndez sinalou que Lugo e Ferrol, ao tratarse de dúas cidades similares, é posible que no futuro poidan defender proxectos comúns.

Para finalizar, a Alcaldesa fixo un chamamento á colaboración e ao traballo conxunto entre municipios. “Lugo e Ferrol teñen moitísimas cousas en común e loitamos por moitas necesidades en común”; como por exemplo non quedar illados, no que ao servizo de ferrocarril se refire. Neste punto, fixo fincapé en inversións conxuntas para loitas conxuntas, algo que ambas as cidades defenden no Eixo Altántico, do que forman parte os dous concellos.

Nesta liña institiu o Alcalde de Ferrol, quen indicou que, unha vez superado o concepto de cidade-estado, “é o momento de traballar en rede con outros municipios”. Deste xeito aludiu á reiterada demanda tanto por Lugo como por Ferrol de mellorar os servizos ferroviarios, “decimonónicos nas dúas cidades”.

Intercambio de agasallos
Finalizadas as intervencións, Méndez e Suárez intercambiarónse distintos agasallos. O Concello de Ferrol entregou ao de Lugo unha placa onde está representado o Concello de Ferrol e a saída do Camiño Inglés; así como o libro Baixo as mesmas nubes, que recolle edificicacións, mostra de modernismo, de Ferrol; mentres que a Corporación lucense agasallou á ferrolá co libro O polbo no San Froilán de Lugo, de Teresa Pena e Fernando Arribas, o último número da colección San Froilán dos Devanceiros, e unha figura conmemorativa.

4º día de festexos
A cuarta xornada das festas do San Froilán está marcada pola tradición, con citas como o San Froilán Tecedeiro, no Cantiño Nemesio Cobreiros, ou o XV Festival de Cultural Tradicional, coa participación de Cantigas e Frores, e as agrupacións Virgen de las Cruces de Daimiel, de Cidade Real, e Sabor Añejo de Montehermoso, de Cáceres. A cidade prepárase para o concerto de Iván Ferreiro, a partir das 21:00 horas na Praza Horta do Seminario, e o de John Nemeth, na Praza de Santa María, ás 22:15 horas, con Conducto Coloquio como teloneiros.

Mañá domingo celebrarase o Domingo das Mozas. Entre a programación que o Concello ten preparada, atópase a XIX Mostra de Música Tradiconal, a exhibición de traxes galegos, a ofrenda floral a Rosalía de Castro, a cargo de Noemíz Mazoy, o concerto das bandas de música de Merza, da de Chantada e a Filarmónica de Lugo; así como o concerto de Sés, de Desakato e Arrhytmia.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar