O modelo de xestión económica da Deputación de Ourense, analizado en Segovia

 

O modelo de xestión económica da Deputación de Ourense, primeira de España en aprobar orzamentos, foi analizado na III Conferencia de presidentes provinciais, que se celebra no Alcázar de Segovia, na que participan representantes da maioría dos gobernos locais intermedios de España. Neste cumio, impulsado por Manuel Baltar e que celebrou en Ourense a súa primeira edición en 2014, os responsables provinciais debaten sobre financiamento e competencias. O presidente da Deputación de Ourense destacou a importancia de aprobar con meses de antelación os orzamentos do ano seguinte “polo que supón de previsibilidade, organización económica e eficacia na xestión”, e explicou as claves económicas e as liñas de traballo do Plan Ourense 15-19, “que permitirán á institución provincial ter “débeda cero” en maio de 2019″.

Manuel Baltar debateu no panel inaugural da Conferencia xunto cos presidentes e representantes das deputacións de Palencia, Cáceres, Valencia e do Ministerio de Facenda, reivindicando que as entidades locais “teñan participación nos tributos das CCAA”, e reclamou “abrir o debate do financiamento local e autonómico, para actuar “con criterios de verdadeiro equilibrio territorial” e para “tomar ás deputacións como que son: ferramenta eficaces para a mellor prestación dos servizos públicos”.

Os gobernos locais intermedios que se dan cita neste cumio coinciden en destacar a defensa dos intereses provinciais, polo que supón de apoio aos concellos e a mellora de servizos aos cidadáns, independentemente do número de habitantes dos municipios. De feito as cuestións das competencias e da estabilidade orzamentaria foron os asuntos máis debatidos na xornada, ademais de poñer sobre a mesa a reflexión sobre a posible necesidade de revisar os límites de endebedamento e a cooperación económica.

O presidente do goberno provincial explicou as claves da xestión económica que está desenvolver a Deputación de Ourense, que vén de aprobar precisamente no pleno do pasado mes de setembro os orzamentos da institución provincial para 2018, cantidade que ascende a 80.707.000 euros, a máis alta dos últimos seis exercicios orzamentarios. Baltar falou tamén das accións que inclúe o Plan de mandato “Ourense 15-19”, con iniciativas para o fomento do emprego na provincia, plans de obras e melloras na rede viaria, para os concellos; financiamento dos grupos de emerxencias supramunicipal; servizos sociais, proxectos de medio ambiente, Plan Termal e o Plan de axudas á natalidade.

“Neste cumio estamos a posicionar o papel dos gobernos provinciais, que é cooperador, vetebrador e absolutamente necesario na España actual”, expresou Manuel Baltar, engadindo que o principal obxectivo “e a procura da excelencia na prestación de servizos públicos, cumprindo coa estabilidade orzamentaria”, e destacando que este foro de gobernos provinciais “nos permite poñer en común experiencias de xestión para aplicar nas estratexias de cooperación cos municipios, un traballo en conxunto, coa finalidade de colaborar e innovar na xestión para mellorar os servizos”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar