A Xunta aproba o proxecto de estación intermodal de Santiago

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou da  aprobación do proxecto da estación intermodal de Santiago que permitirá licitar a primeira fase das obras antes de que remate o ano.

Tal e como xa anunciara o presidente do Goberno galego, no Debate do Estado da Autonomía, Rueda salientou que o Consello da Xunta celebrado esta mañá acaba de aprobar o proxecto integrado, que inclúe a estación de autobuses e a pasarela peonil de conexión coa terminal ferroviaria, ademais da declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados.

O vicepresidente do Executivo galego incidiu en que os trámites autorizados hoxe permitirán unha maior axilidade, reducindo os prazos de tramitación a seis meses. “Así a previsión é a licitación da primeira fase das obras antes de que remate o ano”, abundou, precisando ademais que a declaración de urxencia das expropiacións posibilitará que no primeiro semestre do vindeiro ano poidan comezar as obras.

Ao longo da súa intervención, Rueda resaltou que esta primeira fase para a construción da estación intermodal de Santiago consta dun orzamento de 11 millóns de euros, no marco dun investimento total de 41,7 millóns de euros.

Así mesmo, afirmou que unha vez executadas a estación de autobuses e a pasarela de conexión, axilizarase para o usuario o intercambio entre os dous modos de transporte, e dotarase o concello de Santiago de Compostela dun edificio moderno e adaptado ás últimas exixencias técnicas e de accesibilidade.

Ademais, a construción da nova pasarela non só garantirá o tránsito dos usuarios entre a rúa Clara Campoamor e a estación de ferrocarril coa estación de autobuses, senón que tamén mellorará a conexión transversal entre os barrios da cidade.

O vicepresidente da Xunta explicou tamén que a aprobación da segunda fase do proxecto, que recolle a execución da nova estación de ferrocarril, atópase desenvolvida a nivel de anteproxecto.

A día de hoxe, están en fase de licitación a redacción do proxecto de construción da nova estación ferroviaria, así como do novo edificio administrativo para a Xunta, na zona que ocupa a actual estación de autobuses. E, conforme o acordo asinado entre o Concello, o Ministerio de Fomento e a Xunta, correspóndelle á Administración local o deseño e execución dos accesos necesarios para garantir a plena operatividade da nova estación de autobuses intermodal.

“En definitiva, avanzamos na intermodal de Santiago para lograr que, como noutras cidades de Galicia, se executen de forma paralela á fase final do AVE a Galicia”, dixo, resaltando que, ademais de avanzar en Santiago, hoxe rematouse en Vigo o trámite ambiental, e en Ourense esta semana iniciouse o proceso expropiatorio.

Nesta mesma liña, o vicepresidente da Xunta trasladou o desexo de poder avanzar na estación intermodal da Coruña, menos desenvolvida polos continuos cambios de criterio do Concello; “e, por suposto, continuamos co compromiso de avanzar tamén en Pontevedra, Lugo e Ferrol”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar