A Real Filharmonía ofrece o martes un concerto no Teatro Afundación de Vigo

O Teatro Afundación de Vigo (Policarpo Sanz, 13) acollerá un novo concerto a cargo da Real Filharmonía de Galicia baixo a batuta do mestre compostelán Maximino Zumalave, director asociado da agrupación. O evento terá lugar o vindeiro martes 10 de outubro a partir das 20.30 h e as entradas están dispoñibles na web Ataquilla.com.
O concerto estará dedicado á música española. Comezará coa peza Dez melodías vascas de Jesús Guridi, unha das obras máis populares e recoñecidas do compositor vasco, inspirada no folclore da súa terra.
De sucesivo o público terá a oportunidade de escoitar a obra Selecta. Un atardecer na Alhambra, do compositor galego Andrés Gaos, un poema sinfónico que evoca a tradición musical andaluza.
A actuación concluirá con El sombrero de tres picos do gaditano Manuel de Falla, considerado un dos compositores españois máis representativos da primeira metade do século XX. Trala estrea deste ballet en Londres en 1919, a obra alcanzou un éxito rotundo e Falla compuxo dúas suites orquestrais que se adoitan interpretar máis que o propio ballet e que son as que a RFG ofrecerá ao público no Teatro Afundación de Vigo.

 

O MESTRE MAXIMINO ZUMALAVE

 

 

O mestre e pianista compostelán Maximino Zumalave será o encargado de dirixir este concerto. Formouse musicalmente en Santiago, Madrid, Viena e Stuttgart. É fundador e director do Coro Universitario de Santiago e do Collegium Compostellanum; director asociado da Real Filharmonía de Galicia, da que foi fundador; e director asociado da Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia. Dirixiu importantes orquestras nacionais e internacionais en toda Europa.
É membro da Real Academia Galega de Belas Artes e coordinador da Sección de Música e Artes Escénicas do Consello da Cultura Galega. En 2008 o Consello da Xunta de Galicia concedeulle a Medalla Castelao e en 2016 foi distinguido co Premio da Cultura Galega.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar