Chegan a Galicia os 135 participantes de “Reencontros”

As persoas participantes no programa “Reencontros na Terra”, na súa edición deste ano 2017, aterraron nos aeroportos de Alvedro, Lavacolla e Peinador, en voos procedentes de Arxentina, Brasil, Cuba, Uruguai e Venezuela, tras escala en Madrid.

O programa “Reencontros na Terra”, organizado pola Secretaría Xeral da Emigración e desenvolvido coa colaboración da Consellería de Política Social, ten por finalidade favorecer o achegamento de emigrantes galegos e galegas que teñen cumpridos 65 anos á súa terra e ás súas familias. Participan nesta edición un total de 135 persoas procedentes dos seis países citados.

Os grupos máis numerosos son os procedentes de Arxentina (70 persoas), de Uruguai (33 persoas) e de Venezuela (24 persoas). O resto das persoas participantes son 2 de Brasil e 5 de Cuba. Preto do 41% das persoas participantes naceron na provincia da Coruña, o 28% na de Pontevedra, o 16% na de Lugo e o 15% restante na provincia de Ourense.

Aínda que todas as persoas participantes teñen cumpridos os 65 anos, condición sine qua non para beneficiárense do programa, a idade media supera amplamente esta cifra, xa que se aproxima aos 74 anos.

A finalidade desta iniciativa da Xunta é que as persoas participantes redescubran as súas raíces, tanto de tipo cultural, social, como sobre todo familiar, poñéndose en contacto coa realidade do seu país de orixe e propiciando actividades que posibiliten o coñecemento da Galicia actual, o encontro coas súas propias familias e o intercambio de experiencias entre eles e elas.

As solicitudes foron avaliadas seguindo os criterios de percepción da pensión asistencial por ancianidade do Estado español para o ano 2017 e a idade de quen realizou a solicitude, segundo o baremo descrito na correspondente convocatoria publicada no DOG.

Para informar sobre as cuestións relativas ao programa leváronse a cabo reunións previas nos diferentes países de orixe nas que participaron as persoas beneficiarias e nas que interviñeron persoal das delegacións da Xunta ou, no seu caso, das entidades colaboradoras; o persoal médico acompañante no relativo aos temas de coidado da saúde (en Arxentina e Uruguai); e persoal designado pola axencia de viaxes adxudicataria do concurso público convocado para os desprazamentos, no tocante aos asuntos de embarque, conexións e pasaxes.

O programa desenvólvese ao longo de tres meses, con dúas fases diferenciadas. A primeira delas consiste nunha estadía de dúas semanas, na Residencia de Panxón, en réxime de pensión completa, levando a cabo actividades recreativas e culturais axeitadas ás persoas participantes, e con excursións, en transporte colectivo, a distintos lugares da Comunidade autónoma para un mellor coñecemento da Galicia de hoxe en día, entre os que destaca unha visita a Santiago de Compostela con percorrido pola cidade monumental e recepción institucional.

A segunda fase consiste nunha estadía xunto as súas familias de Galicia, coas que poden permanecer ata completaren un tempo máximo de corenta e cinco días. Trátase dun complemento á estadía “oficial” que supón para moitas das persoas beneficiarias unha oportunidade única de volveren a atopar as súas profundas raíces persoais e redescubriren as ligazóns familiares deixadas atrás, pero non por iso esquecidas.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar