Baltar participará en Segovia na terceira conferencia de presidentes

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participará na “III Conferencia de presidentes de gobernos provinciais”, que se celebrará en Segovia do 4 ao 6 de outubro, cumio no que participarán representantes de 21 deputacións e no que Manuel Baltar analizará xunto aos seus homólogos o tema do financiamento e as competencias dos gobernos locais intermedios.

O presidente da Deputación de Ourense participará o 5 de outubro xunto aos presidentes de Valencia, Cáceres e Palencia e o secretario xeral de Coordinación Local do Ministerio de Facenda, nunha mesa redonda sobre fiscalidade e estabilidade orzamentaria, un tema o económico no que a Deputación de Ourense se ten caracterizado nos últimos anos por ser a primeira administración pública de España en aprobar os seus orzamentos do ano seguinte (no mes de setembro) e por marcar a senda da “débeda cero” da institución provincial ourensá, un obxectivo que Manuel Baltar fixa para maio de 2019.

Neste sentido, o presidente do goberno provincial explicará as claves da xestión económica que está desenvolver a Deputación de Ourense, que vén de aprobar precisamente no pleno do pasado mes de setembro os orzamentos da institución provincial para 2018, cantidade que ascende a 80.707.000 euros, a máis alta dos últimos seis exercicios orzamentarios.

Plans de fomento do emprego, obras e melloras na rede viaria, para os concellos; financiamento dos grupos de emerxencias supramunicipal; servizos sociais, proxectos de medio ambiente, Plan Termal e o Plan de axudas á natalidade, son algunhas das iniciativas que Manuel Baltar presentará no cumio de Segovia, “un foro que nos permite aos presidentes provinciais poñer en común experiencias de xestión para aplicar nas estratexias de cooperación cos municipios”, afirma Baltar, destacando que a finalidade deste traballo conxunto “é colaborar e innovar na xestión para mellorar os servizos que como goberno provincial prestamos a concellos e cidadáns”, afirma o presidente da Deputación de Ourense.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar