Vigo reduce a accidentalidade nun 13%

O concelleiro de Tráfico e Seguridade fixo balance das actuacións da Policía Local no primeiro semestre de 2017, no que realizou 763 intervencións no ámbito rural e o medio ambiente, 422 con coches abandonados e 239 de servizos humanitarios.

Carlos Font debullou este martes os datos da memoria da Policía Local correspondente ao primeiro semestre deste ano cun total de 46.829 intervencións rexistradas e eloxiou o seu “excelente traballo para a cidadanía” cumprido cun alto grao de proximidade e atención ás súas demandas. O concelleiro puxo en valor o labor policial permitise ao Concello reducir o número de accidentes neste período un 13% respecto ao primeiro semestre do ano anterior e, como consecuencia, lograr unha maior fluidez do tráfico.

No referente ás detencións, a Policía Local participou en 151 en colaboración coa Policía Nacional polo que López Font considera que “é de moita importancia”, un labor que se complementa coa acción en seguridade cidadá: 581 actuacións no primeiro semestre de 2017.

A Policía Local interveu en 422 casos de vehículos abandonados, desde a detección de automóbiles, o procedemento administrativo ata chegar á retirada do mesmo. Producíronse 763 actuacións no ámbito do medio ambiente e no rural, 50 actuacións de violencia intrafamiliar e 239 servizos humanitarios que para López Font, é unha demanda cada vez maior por parte da cidadanía para axudar en casos de problemas de mobilidade, en moitos casos en colaboración cos bombeiros.

Ademais, segundo informou o concelleiro de Tráfico e Seguridade, a Policía Local desenvolveu 48 campañas propias con diferentes obxectivos, amais de colaborar coas que pon en marcha a Dirección Xeral de Tráfico: semáforos en vermello, vixiando especialmente os atropelos, campaña de carga e descarga “que é practicamente permanente porque é necesario preservar o respecto” a esta actividade, o teléfono móbil e os xiros prohibidos que poñen en perigo a seguridade viaria polos malos hábitos dos condutores.

En canto á vixilancia das prazas de discapacidade, a Policía Local realiza un control “diario e exhaustivo” para que non se usen as tarxetas de forma fraudulenta nin se ocupen de forma incorrecta, chegando á súa retirada de comprobarse que o seu uso non corresponde ás persoas titulares. Segundo explicou Carlos López Font, un mal uso reiterado supón a retirada da tarxeta de aparcamento de discapacidade.


© 2011 Galega de Comunicación e Información, S.L.U. - Aviso legal - Contacto