Turismo de autocaravanas en Pontevedra

O turismo de autocaravanas ven  sendo unha aposta da Concellería de Promoción da Cidade para situar a Pontevedra tamén no mapa como destino deste sector e comeza a dar froitos. Por unha banda “comprobamos que foi un acerto poñer en uso unha parcela (terreos de Tafisa) que estaba sen rendibilizar” e “dende un punto de vista de promoción de Pontevedra conseguimos atraer a un turismo de calidade, que é respectuoso co entorno, que se interesa pola cidade e que repercute na economía local”, sinala a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías.

O aparcamento de autocaravanas da parcela de Tafisa rexistrou e rexistra un alto nivel de ocupación dende a súa inauguración, superando nos meses centrais do verán e nalgunhas fin de semana o 100% o que deixou unha imaxe habitual: a presenza de autocaravanas estacionadas nas inmediacións.

Nos algo máis de tres meses que van dende o 18 de maio ao 31 de agosto, a Policía Local de Pontevedra controlou -a través do Ollomóbil- 665 vehículos no estacionamento de autocaravanas. Unha cifra que eles mesmos elevan a máis de 800, facendo unha estimación realista a partir das capturas de pantalla das cámaras de tráfico da Xefatura (1.062 neste período) e sumando os vehículos estacionadas nas inmediacións do aparcamento ao ter este o cartel de completo.

A Policía Local subliña o “altísimo cumprimento” das normas de ocupación e uso do aparcamento de auocaravanas, unha infraestrutura que ten na rotación de uso un dos seus piares. Nos tres meses e medio controlados tramitáronse só 16 denuncias por superar o período autorizado de estacionamento -3 días por mes- e constatouse que a maioría dos vehículos estiveron máis dunha noite.

A chegada do turismo de autocaravanas repercute dun xeito directo na economía local. Segundo as estimacións de gasto que fai a Asociación Galega de Autocaravans (AGA), cada autocaravanista gasta unha media de 50 euros/día. As autocaravanas teñen unha ocupación media de tres persoas, pois como explica o presidente da AGA, Manuel Fernández Arruty, “é un tipo de actividade da que participan moitas parellas pero tamén moitas familias”.

Esta ratio 50 euros/día por persoa ou 150 euros/día por vehículo deixa un balance de gasto na cidade de 99.750 euros no tempo controlado, facendo unha cuantificación a baixa, e dicir, tomando como referencia os 665 vehículos controlados polo Ollomóbil. Se facemos as contas coa estimación de número real da Policía Local, máis de 800 autocaravanas o deixado chegaría aos 130.000 euros.

O aparcamento para autocaravanas ocupa unha superficie de 1.052 metros cadrados na parcela de Tafisa, perfectamente iluminada e sinalizada con capacidade para prazas con servizos de auga potábel e saneamento e a poucos minutos andando do centro urbano.

Os usuarios cualifican a área de autocaravanas de Pontevedra como “a mellor de Galiza e unha das mellores de toda a península” pola súa localización e servizos, sinala a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, facéndose eco da información transmitida por asociacións como a Asociación Galega de Autocaravanas (AGA) ou Campers Galicia. As dúas colaboraron “dun xeito activo e dende un minuto un” na posta en marcha do proxecto ao que tamén fan seguimento.


© 2011 Galega de Comunicación e Información, S.L.U. - Aviso legal - Contacto