Quinta edición do “Enclave de Cámara” no Teatro Principal de Ourense

A quinta tempada do ciclo de música clásica Enclave de Cámara levará a Ourense, na súa cita mensual -a primeira cita será o mércores 4 de outubro- un amplo repertorio desde o último barroco á contemporaneidade interpretado por músicos de primeiro nivel internacional. Na presentación en rolda de prensa, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez salientaba “a inesgotable paixón divulgativa deste programa, pero non só para os clásicos senón para as propostas máis arriscadas e innovadoras”. Precisamente era ese “valor didáctico” o que destacaba a concelleira de Cultura, Belén Iglesias, de todas as propostas da área de Cultura.

Grazas á inestimable cooperación da Deputación de Ourense, o Teatro Principal acollerá “unha programación heteroxénea, tanto en compositores como intérpretes, cun amplo abano de estilos que van desde as Catro Estacións de Vivaldi até as composicións de Fernando Guridi coa solista Cristina Pato ao piano”, relataba Patrick Alfaya, asesor de programación do Enclave de Cámara. Nesta nova aposta do concello de Ourense pola música clásica procurouse facer unha proposta ampla e atractiva que inclúe pezas de Bach, Haydn, Mozart, Beethoven, Rossini, Schumann, Brahms, ata os máis contemporáneos como Bloch, Nielsen, Reicha, Stravinsky, Piazzola, ou o catalán Cassadó.

Obras para diferentes épocas e estilos, e tamén para diferentes formatos. Así, pasarán polo Teatro da rúa da Paz cuartetos, dúos, quintetos ou sextetos, para terminar co recital duns dos pianistas máis recoñecidos da actualidade: Nikolai Lugansky. Pero tamén haberá espazo para os intérpretes galegos como son os solistas de vento da Sinfónica de Galicia e Cristina Pato, que estará xunto a un músico tan versátil como Nicholas Cords interpretando a Guridi, “un dos mellores compositores contemporáneos”, en palabras de Patrick Alfaya.

A primeira cita será o mércores 4 de outubro co cuarteto de corda Dalia Quartet con prezos que oscilan dos 5 aos 8 euros. Toda a programación en: www.enclacedecamara.com


© 2011 Galega de Comunicación e Información, S.L.U. - Aviso legal - Contacto