Deputación de Ourense e Fundación Araguaney presentan o ciclo de cinema “Amal en ruta”

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou xunto ao presidente do grupo Araguaney, Ghaleb Jaber Ibrahim, e o da Fundación Araguaney, Ghaleb Jaber Martínez, o ciclo de cinema Euroárabe “Amal en ruta” 2017, unha iniciativa que ten como obxectivo “achegar a Ourense a realidade social e cultural do mundo árabe”, explicou o presidente do goberno provincial, “unha iniciativa –dixo- que traspasa fronteiras a través dun cinema comprometido e de sentimento”. Baltar destacou a colaboración que por medio de esta actividade cultural se inicia entre a Deputación de Ourense e a Fundación Araguaney, “alianza co cinema como ponte, que terá lugar na capital ourensá, que conta co Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF), co que colabora a Deputación”.

As proxeccións, que terán lugar no Teatro Principal de Ourense con entrada gratuíta, desenvolveranse entre os días 13 e 16 de setembro. Son un resumo da última edición da Semana de Cine Euroárabe “Amal”. No ciclo, que consta de catro longametraxes, dous documentais e unha curta, “destaca que todas as cintas, tanto de ficción como documentais, están dirixidas ou protagonizadas por mulleres”, comentou Ghaleb Jaber Martínez, director da Semana de Cine Amal, subliñando que esta actividade “supón un intercambio cultural entre Oriente Medio e o mundo árabe con Galicia da mellor maneira: a través do cinema, unha arte que traballa coa empatía e as emocións”.

O programa do ciclo comeza o mércores 13 de setembro, ás 21.00 horas, coa proxección da curtametraxe de co-produción palestina, francesa e alemá “Ave María”, de Basil Khalil, para, de seguido, ás 21.15 horas, presentar a longametraxe “3.000 noches”, de Mai Masri, co-produción de Plastina, Francia, Xordania, Líbano, Emiratos Árabes e Catar. O xoves 14 de setembro, ás 19.00 horas será a quenda para o documental “Nearby Sky” de Nujoom Alghanem e, ás 21.00 horas, proxectarase a ficción “Barakah meets Barakah” de Mahmoud Sabbagh. Ao día seguinte, o 15 de setembro, ás 19.00 horas, emitirase o documental “After Spring” de Ellen Martínez e Steph Ching, e continuará a programación ás 21.00 horas coa ficción “10 años y divorciada” de Khadija Al-Salami. Por último, o sábado, 16 de setembro, ás 21.00 horas, pechará a mostra a ficción “Las aventuras del príncipe Achmed” de Lotte Reiniger, a película de animación máis antiga da historia.

Amal, que significa “esperanza” en árabe, da nome a un ciclo de cine que resume a última edición da Semana de Cine Euroárabe Amal co obxectivo destas proxeccións é achegar a realidade complexa e poliédrica da muller no mundo árabe desde unha perspectiva social, cultural e política.

O último día do ciclo a proxección contará con música en directo, e a programación contará tamén cunha curta nominada aos Oscar en 2016 á Mellor curtametraxe de ficción

O presidente do grupo Araguaney agradeceu a Manuel Baltar “a oportunidade de traer a Ourense este ciclo de cine de autor, que abrangue causas, sufrimento e sentimento, que sen dúbida conmoverá ao público e que posiblemente cambie a súa visión sobre o mundo árabe”.


© 2011 Galega de Comunicación e Información, S.L.U. - Aviso legal - Contacto