A TVG viaxará por toda España para contar historias con “ADN galego

Santiago.- Madrid, Sevilla, Valencia, Santander, Cádiz… Estes son algúns dos lugares aos que viaxará o programa ADN Galego”, o novo formato da Televisión de Galicia para as noites dos martes, un programa que irá na busca da pegada de Galicia e dos galegos no resto de España.

O espazo, producido para a TVG por Portocabo, viaxará por todo o territorio español para contar as historias dos galegos e galegas que traballan e desenvolven a súa vida noutros lugares. En cada destino, “ADN Galego” coñecerá os lugares que máis paga a pena visitar e saberá dos costumes e da gastronomía da zona, dos traballos e do ocio propios do lugar e de aspectos que os turistas van buscando ou lles pasan desapercibidos.

Os protagonistas serán homes e mulleres, novos e vellos, xente anónima e de sona, urbanos e rurais, expertos no lugar e acabados de chegar. Da súa man, o equipo do programa irá aos sitios máis auténticos e fará o que é máis propio do lugar, mentres vai sabendo da súa vida, do seu traballo, da súa familia, do que os levou alí, do que os fixo quedar, do que a súa nova terra lles deu e do que eles lles achegaron desde Galicia. Os espectadores verán o territorio cos seus ollos, tan distintos aos do turista ou o viaxeiro ocasional.

ADN Galego” buscará tamén en cada programa contar a pegada histórica que deixaron os galegos nos seus lugares de acollida e a repercusión social que tiveron ao longo dos anos.

Neste novo programa, os espectadores coñecerán casos de galegos que desenvolven proxectos ou ideas excepcionais. É o caso de Martín López Corredoira, un dos astrofísicos máis importantes de España, que leva anos vivindo en Tenerife; Ramón Queiro, recoñecido arquitecto na cidade de Sevilla debido ao seu traballo nas rehabilitacións de edificios históricos, e Carlos Pérez, alias “Perucho”, piragüista campión olímpico que agora se adestra no encoro de Trasona, moi cerca de Xixón. Ademais destes casos famosos, “ADN Galego” tamén amosará historias singulares coma a de Luís, un dos últimos limpabotas de Madrid no Hotel Palace, ou Andrés, un adestrador de golfiños en Valencia.

Nesta primeira entrega, o programa realizará un percorrido pola baía de Cádiz, a case dez horas en coche de Galicia, centrándose en Rota, no Puerto de Santa María, Puerto Real, San Fernando e Cádiz capital, para buscar historias con “ADN Galego”.

O programa amosará as numerosas pegadas dos galegos en Cádiz. O fundador, en 1830, das famosas bodegas Caballero, era un galego: Don José Cabaleiro do Lago, que chegou ás terras do sur para expandir o negocio de madeira de carballo que tiña en Galicia. Desde comezos do século pasado tamén chegou moita xente do mar galego á costa gaditana. De feito, de 16 armadores que había en 1920 en Cádiz, 15 eran galegos.

Nesta edición de “ADN Galego”, os espectadores poderán coñecer diferentes historias: a de Alejandra, unha galega taberneira e moteira; Pedro, descendente de galegos, investigador e autor do libro “Soltando Amarras”; Manuel “El Galleguito”, unhas das mellores voces do Carnaval de Cádiz; José Manuel, brigada da base naval de Rota; Marga, a xefa de urxencias do Hospital Carlos I de San Fernando; Luís, descendente do fundador galego das bodegas Caballero; Faustino, un profesor de Vigo que ocupa a única cátedra de flamencoloxía que existe no mundo; Gaspar, patrón de barco xubilado; Maica e María, nai e filla, propietarias dunha óptica na praia de Valdelagrana, no Puerto de Santa María, e Miguel e Daniel, encargados da empresa Electrorayma nos estaleiros de Navantia en Puerto Real.

LARPEIROS

Os días de sol son días de froitas maduras e variadas e cando están no seu tempo son do máis rico que hai, como explicarán hoxe no programa “Larpeiros”. Para almorzar, ao natural, son moi ricas, pero tamén en marmeladas, batidos e lambetadas. Os “larpeiros” están hoxe dispostos a celebrar o día mundial da froita e pensan cociñar con elas, tanto cousas doces coma salgadas, para facerlles a homenaxe que merecen.

As froitas serán tamén protagonistas do aperitivo, que preparará Lola coa axuda dun convidado moi especial: Pepe Solla, un dos cociñeiros galegos máis recoñecidos no mundo enteiro. Benigno Campos tamén ten na cabeza unha receita para facerlle a súa particular homenaxe ás froitas: lombo de porco ao sal con gornición de froitas, un prato co que completará un menú sorprendente e moi apetecible.

Adrián, o “larpeiro” máis viaxeiro, tamén quere formar parte da homenaxe ás froitas e para iso irá ata Salcedo, na provincia de Pontevedra, onde, da man de María, aprenderá a facer unhas marmeladas que farán as delicias dos seus compañeiros. De volta na casa, a festa será completa co biscoito de froitas co que Merchi e Leni agasallarán o resto dos “larpeiros”.

SOPA DE FESTA

O programa Sopa de Festa levará esta noite os espectadores da TVG ata Vigo, onde ao longo da fin de semana se celebrou a Festa do Marisco, unha cita coa que a cidade olívica abre as súas portas para ofrecer o mellor produto da lonxa viguesa.

Co obxectivo de amosar todos estes festexos e, sobre todo, os bos e saborosos produtos que se extraen en Vigo, o equipo de Sopa de Festa pasou toda unha xornada cos veciños e cos moitos visitantes que acoden para degustar unhas ameixas á mariñeira, arroz de mariscos, berberechos ao vapor, mexillóns, percebes, lagosta…. Unha morea de produtos nas súas máis amplas variedades.

Coma sempre, ademais da degustación do produto, as cámaras do programa da Televisión de Galicia acompañarán os organizadores e cociñeiros que, durante os días de festa, se preocupan de que todo estea perfecto para que os visitantes poidan gozar tanto do bo comer coma do bo ambiente.

Ao longo desta emisión, os espectadores tamén descubrirán as belezas turísticas da zona.

FESTIVAL DA LUZ

Televisión de Galicia ofrece esta noite, a partir das 00.20 horas, un especial sobre a sexta edición do Festival da Luz, celebrado esta fin de semana pasada na localidade coruñesa de Boimorto. Neste certame único e solidario, que ten como mestra de ceremonias a Luz Casal, destacaron os máis de corenta artistas que non quixeron perderse esta cita cuxa recadación do despacho de billetes se doa integramente a Oncomet, que destinará estes fondos ao proxecto de investigación da biopsia líquida.  O evento leva recadado desde o seu inicio para causas solidarias 341.000 euros.

Mago de Oz, Dr. Feelgood, Siniestro Total, Eladio y los Seres Queridos, Rosendo, Jarabe de Palo, Treixadura, Diana Navarro ou León Benavente son algunhas das bandas que conformaron un cartel de luxo, que fixo as marabillas dos asistentes.

En “Festival da Luz”, ademais de amosar o ambiente festivo, falar cos asistentes e con membros da organización e das actuacións musicais, poderanse ver outras propostas gastronómicas, teatrais e de cultura que se desenvolveron nesta paisaxe espectacular.

A REVISTA

Os reporteiros de “A Revista” visitan hoxe a adega Crego e Monaguillo da Salgueira, en Ourense, para coñecer como avanza a temporada de vendima da Denominación de Orixe Monterrei, que este ano tivo un adianto de tres semanas con respecto ao ano pasado. A de Monterrei é unha das cinco denominacións de orixe vinícolas galegas e está composta por 25 adegas. O programa tamén estará na Semana do Coche Clásico de Lalín, onde os asistentes poderán gozar dunha grande exposición de coches clásicos ou participar na agradable ruta que se celebrará no último día do evento.

Ademais, no estudio de gravación estará a colaboradora e readaptadora física, Alba Cons, para poñer os espectadores en forma tras a fin do verán e coa volta á rutina. Por outra banda, o presentador Sevi Martínez falará co experto en moda Carlos Roma do color rosa como tendencia para homes en outono e inverno.

Martes, 12.09.2017

CINEMA DE NOITE

INTERSTELLAR”

(“Interstellar”)

Director: Christopher Nolan

Elenco: Matthew McConaughey, Anne Hathaway, Jessica Chastain, Michael Caine, Bill Irwin, Casey Affleck, Topher Grace, David Oyelowo, John Lithgow

EUA, 2014, Ciencia Ficción, 158’ (+12)

**SINOPSE**

Ao ver que a vida na Terra está chegando ao seu fin, un grupo de exploradores dirixidos polo piloto Cooper e a científica Amelia emprenden unha misión que pode ser a máis importante da historia da humanidade: viaxan máis alá da nosa galaxia para descubrir outra que poida garantir o futuro da raza humana.

MINUTADO do 12/09/2017 da TELEVISIÓN DE GALICIA

08:00

BOS DÍAS

Presentan Ana Pérez e Francisco L. Iglesias, coa información deportiva a cargo de Terio Carrera. Inclúe o espazo “A Entrevista”, hoxe co profesor de Dereito Constitucional da USC José Julio Fernández, e “O Faladoiro”, con Pablo Acción, Juan Capeáns, María Cadaval e Pepe Arias.

10:50

REPORTAXES “VIVIR AQUÍ” “San Xoán de Poio”

11:00

A COCIÑA DE ANDRÉ “Arroz e crema de champiñón”

Un espazo diario de gastronomía presentado polo chef André, que propón en cada intervención receitas doadas de realizar, que sorprenderán polo seu sabor e o seu atractivo.

11:30

O FARO Cap. 253

Serie. Erea fala co seu tío Luís sobre as súas sospeitas de que Iván foi o que secuestrou a Diego. Luís, crendo isto, sonda a Iván que se enfada pola acusación. Pola súa parte, Luís está dubidando, incitado polo seu amigo Fidel, sobre se volver a México. Gaspar Torres contratou unha persoa externa á empresa que fará unha análise do negocio, algo que Arturo non ve ben.

12:25

A REVISTA

Presenta Sevi Martínez. Inclúe “Adiantos Informativos”.

13:45

CADA DÍA UN LIBRO

Microespazo divulgativo en que cada día se lle recomenda un libro ao espectador.

13:50

GALICIA NOTICIAS MAÑÁ

Presenta Marga Pazos.

14:25

TELEXORNAL MEDIODÍA

Presenta Marta Darriba. Carlos Macía encárgase da información deportiva.

15:35

O TEMPO

15:45

COMO UN ALLO

Presentado por Bernardo Montaña, este programa está baseado na dinámica de preguntas e respostas. Conta co asesoramento de dous expertos colaboradores: a escritora María Canosa e o científico e divulgador Jorge Mira.

16:20

TI VERÁS

Concurso presentado por Rodrigo Vázquez en que cada día unha parella de concursantes opta a gañar un premio de ata 50.000 euros.

17:25

GALEGOS NO MUNDO “Dubai”

Unha ollada á realidade de todas aquelas persoas que un día emprenderon unha vida nova noutro país e que agora achegan as súas vivencias desde as cidades máis afastadas e os lugares máis insospeitados, amosados en primeira persoa por galegos singulares.

18:15

QUE CASAS!

19:10

LIBRO DE FAMILIA Cap. 2

Serie galega de ficción, que narra a historia de tres familias galegas de distinta procedencia social residentes en Santalla, unha vila do medio rural galego.
Os labregos, con Manuel Cabanas á fronte, conseguen formar a cooperativa, pero don Román déixaos sen transporte. Freire, que se dedica ao contrabando de tabaco, ve no transporte de leite un xeito de protexer a súa actividade sen levantar sospeitas.

20:20

INFORMACIÓN ESTADO DO MAR

20:30

TELEXORNAL SERÁN

Presentan Alfonso Hermida e Tati Moyano. Miguel Gallego encárgase da información deportiva.

21:50

O TEMPO

22:05

MENÚ G

Avance da programación desta noite na TVG.

22:15

LARPEIROS “Días de froita”

Homenaxe ás froitas nunha edición de “Larpeiros” que contará cun convidado moi especial: o cociñeiro Pepe Solla.

22:45

ADN GALEGO “Cádiz”

Programa que viaxará por todo o territorio español para contar as historias dos galegos e galegas que traballan e desenvolven a súa vida noutros lugares. Nesta primeira entrega, o programa realizará un percorrido pola baía de Cádiz, a case dez horas en coche de Galicia, centrándose en Rota, Puerto de Santa María, Puerto Real, San Fernando e Cádiz capital, para buscar historias con “ADN Galego”.

23:40

SOPA DE FESTA

Programa que ten como obxectivo ser unha guía imprescindible para seguir as grandes celebracións e exaltacións gastronómicas da comunidade.
“Sopa de Festa” levará esta noite os espectadores da TVG ata Vigo, onde ao longo da fin de semana se celebrou a Festa do Marisco, unha cita coa que a cidade olívica abre as súas portas para ofrecer o mellor produto da lonxa viguesa.

00:20

FESTIVAL DA LUZ 2017

00:50

CINEMA DE NOITE “Interstellar”

(“Interstellar”), de Christopher Nolan, con Matthew McConaughey, Anne Hathaway, Jessica Chastain, Michael Caine, Bill Irwin, Casey Affleck, Topher Grace, David Oyelowo, John Lithgow. EUA, 2014, Ciencia Ficción, 158’ (+12).
Ao ver que a vida na Terra está chegando ao seu fin, un grupo de exploradores dirixidos polo piloto Cooper e a científica Amelia emprenden unha misión que pode ser a máis importante da historia da humanidade: viaxan máis alá da nosa galaxia para descubrir outra que poida garantir o futuro da raza humana.

03:35

TELEXORNAL NOITE

03:45

QUE CASAS! (Rep.)

04:10

COMO UN ALLO (Rep.)

04:40

MAR DE FONDO

04:45

NACER DE NOVO (Rep.)

05:05

NOITE DE JAZZ

05:35

SONS NA NOITE

05:55

GALEGOS NO MUNDO (Rep.)

06:45

A REVISTA (Rep.)

07:55

INFORMACIÓN ESTADO DO MAR


© 2011 Galega de Comunicación e Información, S.L.U. - Aviso legal - Contacto