A superficie queimada nos incendios deste verán reducíuse nun 46%

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, compareceu no pleno do Parlamento galego para dar conta do modelo de prevención e extinción de incendios que está a levar a cabo o seu departamento. Alí destacou que a superficie queimada no que vai de ano en Galicia é case un 46% menos que a rexistrada o pasado exercicio por estas mesmas datas, salientando as condicións extremas deste ano que se caracterizaron por unha forte seca en toda a comunidade. A conselleira referiuse tamén aos datos no que vai de verán, no que a superficie ardida foi un 72,2% menor que en 2016 e un 32,8% inferior á do mesmo período de 2015.

Ángeles Vázquez agradeceu, unha vez máis, o traballo realizado polas preto de 7.000 persoas que conforman o dispositivo de loita contra os incendios forestais, nun ano onde aumentou a actividade incendiaria nos períodos de condicións extremas. A pesar diso, a conselleira destacou que o 80% dos lumes acontecidos nesas datas non chegaron a hectárea de afectación, o que contradí calquera visión catastrofista.

A titular de Medio Rural explicou ante a Cámara que non existe unha nova desestacionalización dos incendios forestais, tal e como pretenden facer ver outros colectivos, “o que hai é un mantemento da actividade incendiaria cando as condicións atmosféricas son favorables á propagación dos incendios”. Neste senso, reiterou a intencionalidade que hai detrás dos lumes, que tras un estudo do seu departamento se conclúe que esa é a causa en 3 de cada 4 incendios rexistrados en Galicia.

A pesares desa intencionalidade, o número de lumes respecto á media dos últimos dez anos redúcese un 21,5% no acumulado anual, mentres que a superficie baixa un 27,2%. Son datos, asegurou a conselleira, que evidencian a profesionalidade do dispositivo de extinción, posto que “este ano non se lle pode achacar a axuda das choivas”.

A conselleira insistiu en que a meirande parte destes lumes concéntranse en determinadas áreas, que son reforzadas cun seguimento exhaustivo e unha intensificación nas actuacións de vixilancia e disuasión. Ademais, sinalou que o Goberno galego continúa reclamando medidas máis contundentes contra os incendiarios, con accións que impidan o seu regreso ao monte sen ningún tipo de control. Así, recalcou os “casos paradigmáticos” desta actividade incendiaria nos concellos de Pantón, en Lugo, e de Agolada, en Pontevedra. No primeiro houbo ata 46 alertas no que vai de verán, mentres que en Agolada rexistráronse ata 48 avisos no mesmo período, o que indica claramente a existencia dun problema incendiario.

 

MELLORA DA COORDENACIÓN

 

Sobre o actual servizo de extinción, a conselleira explicou que Galicia conta cun operativo equilibrado na súa composición e de acordo co reparto de competencias existente. Un modelo totalmente integrado que funciona baixo o mando único da Xunta e que grazas á súa completa coordinación diminuíuse o número de activación do Peifoga en Situación 2, pasando dunha media de 13 nos últimos cinco anos a tan só 3 no presente exercicio.

Neste senso, a titular de Medio Rural insistiu na necesidade de previr esta lacra coa limpeza de parcelas, camiños e faixas de xestión de biomasa. “Cómpre facer entre todos un esforzo para cumprir estas normas, a prol dunha maior seguridade das persoas e dos bens non forestais”. Para iso, é preciso que a sociedade en xeral e as administracións con competencias na materia fagan cumprir a lei.

Pola parte da Administración galega, as actuacións concéntranse na prevención e valorización forestal. Así, Galicia conta con preto de 10.500 hectáreas de cortalumes que facilitan o acceso aos medios de terra e supoñen un punto de discontinuidade de combustible para o lume. Ademais, cómpre engadir os investimentos realizados no apoio á agricultura, gandaría, mobilización de terras e reestruturación parcelaria que tamén contribúen a reforzar esta prevención.


© 2011 Galega de Comunicación e Información, S.L.U. - Aviso legal - Contacto