Santiago:Catro ofertas para o proxecto da Cidade de San Caetano

Catro empresas presentaron as súas ofertas para redactar o proxecto da Cidade de San Caetano que a Xunta prevé construír ocupando os terreos da actual estación de autobuses de San Caetano.

As empresas que presentaron as súas ofertas son: GOC, S.A.; Fernández Carballeda y Asociados, S.L.P.; IDOM Consulting, Engineering, Architecture, S.A.U.; e a UTE César Portela, S.L.; e Celso López, Jorge Salgado.

A licitación deste contrato fíxose pública no Diario Oficial de Galicia do pasado 18 de agosto, por un importe de máis de 586.000 euros. O prazo de execución do mesmo é de 33 meses, xa que, ademais da redacción do proxecto, inclúe o desenvolvemento dos traballos necesarios para a modificación do Plan xeral de ordenación municipal de Santiago, necesaria para acometer estas obras.

O obxectivo do Goberno galego é dispor de proxecto e amparo urbanístico para poder iniciar a actuación unha vez construída a nova terminal de autobuses intermodal unida á de ferrocarril e o edificio actual quede en desuso.

A construción da Cidade de San Caetano permtirá ampliar o actual complexo administrativo da Xunta, centralizando a atención ao cidadán e reducindo o gasto público en alugueiros mediante o aproveitamento de edificios en desuso.

Co obxectivo de definir a fórmula máis axeitada para actuación, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda convocou o pasado ano un concurso de ideas para o deseño da futura Cidade de San Caetano, resultando gañador a proposta presentada baixo o lema de Mineral-Vexetal.

A empresa que resulte adxudicataria do actual contrato deberá elaborar un proxecto construtivo que tome como referencia os elementos máis significativos desa proposta.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar