Probas de avaliación en Oleiros de 135 socorristas en praias

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, asistiu hoxe ás probas de avaliación que a Xunta, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, está desenvolvendo desde onte na praia de Santa Cristina de Oleiros para acreditar a experiencia profesional de socorristas en espazos acuáticos naturais.

En total presentáronse 135 candidatos que tiveron que realizar, dunha banda, unha entrevista centrada, entre outros, nas medidas de prevención e seguridade a adoptar, contidos sobre o labor de vixilancia ou os recursos materiais a empregar; e, doutro lado, a través dunha simulación, levaron a cabo o rescate dunha persoa accidentada no mar.

Marnotes salientou que o Goberno galego acredita, deste xeito, un ano máis a competencia profesional dos socorristas galegos en espazos acuáticos naturais, lembrando que tamén existe unha convocatoria para socorrismo en instalacións acuáticas. Desde a posta en marcha deste procedemento, acreditáronse en Galicia 660 socorristas.

Estes profesionais deberán contar a partir do 10 de abril de 2021 con esta acreditación para poder exercer a súa profesión e inscribirse no Rexistro de socorristas de Galicia. A Xunta foi a primeira Administración autonómica do Estado en poñer en marcha o procedemento de recoñecemento da experiencia profesional en socorrismo para facilitar este cumprimento legal. Así, é o quinto ano consecutivo no que se convoca esta actuación para que os socorristas poidan habilitar e acadar o certificado de profesionalidade. Para espazos acuáticos naturais convocáronse 200 prazas e outras 250 para instalacións acuáticas.

Estas prazas forman parte da convocatoria realizada este ano polo Goberno galego para acreditar a experiencia profesional dos traballadores galegos, que inclúe en global 2015 novas prazas e un total de nove cualificacións. Como novidade este ano convocouse este procedemento en operacións de vixilancia e extinción de incendios forestais e apoio a continxencias no medio natural e rural.

As nove cualificacións que se convocaron foron, ademais da novidade en vixilancia e extinción de incendios forestais e as referidas a socorrismo, as de atención sociosanitaria a persoas no domicilio; atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais; servizos para o control de pragas; xestión de servizos para o control de organismos nocivos; extinción de incendios e salvamento; e tanatopraxia.

A avaliación dos candidatos para extinción de incendios e salvamento levarase a cabo na Academia Galega de Seguridade Pública da Estrada durante a semana do 2 ao 6 de outubro. Convocáronse en total 100 prazas para este certificado de profesionalidade.

As cualificacións que se convocan cada ano, na maioría dos casos, son actividades ou profesións que por normativa, debido a razóns de saúde e seguridade, e co obxectivo de garantir un bo servizo aos usuarios, esixen como requisito imprescindible para desempeñalas a posesión dun título ou certificado de profesionalidade, que acredite a súa competencia profesional, como é o caso dos socorristas.

Validez nacional

Estas acreditacións, tal e como salientou o director xeral, teñen carácter oficial e validez nacional, polo que as persoas que obteñan estes recoñecementos poderán facelos valer no mercado laboral como certificados oficiais dos coñecementos e capacidades adquiridos a través de anos de experiencia. Isto facilitará ás persoas avanzar e progresar na súa carreira profesional e ás empresas permitiralles optimizar o aproveitamento dos seus recursos humanos.

A Consellería de Economía, Emprego Industria vén publicando desde 2011 este procedemento para recoñecer as competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral. De media, ao ano, véñense convocando desde entón en torno a 2000 prazas. Das 11.612 prazas convocadas ata o momento,615 acadaron unha acreditación oficial da súa competencia profesional.

De feito, Galicia atópase á cabeza da formación certificable. En 2011, ademais, a Comunidade converteuse nunha das rexións pioneiras en impulsar este procedemento de recoñecemento da competencia profesional.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar